cemiterio

Imaxe tomada da portada de “Humorismo, dibuxo humorístico, caricatura: conferencia”, onde se reproduce o texto da disertación de Castelao que deu pé a Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete

O Samaín é unha festividade de orixe celta que celebraba a fin das colleitas, o comezo do inverno e con el o novo ano celta (Samhain). Crían que neses días os espíritos deambulaban cara ao máis alá, e cumpría agasallalos e iluminalos para que atopasen o camiño. Na actualidade a celebración, na versión cristianizada, lévanos a honrar as persoas falecidas coa visita aos cemiterios para levarlles flores e candeas. Mais a festa, na versión pagá, bota man do humor enchendo as casas, escolas e comercios con decoracións sinistras, esqueletos pendurados e morcegos voando de redor. No Portal sumámonos á celebración cunha serie de voces asociadas a esta época e atopadas na novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, obra do mestre do humorismo galego, Daniel R. Castelao, que semella escrita para a Noite dos calacús.

Esta primeira achega ao xénero narrativo do de Rianxo desenvólvese nun cemiterio, o “lugar onde se enterran os mortos”, en concreto nun dunha cidade. O termo procede do latín tardío coemeterĭum; pero viña do grego bizantino koimētḗrion, onde significaba ‘dormitorio’ ou ‘lugar no que se dorme’,  vocábulo que resulta moi acaído xa que é o sitio onde durmimos para sempre. Porén se para os gregos o koimētḗrion era un cuarto, a onde levaban estes as persoas falecidas? Pois na antiga Grecia tiñan a nekrópolis, a ‘cidade dos mortos’, de onde procede a nosa necrópole, como sinónimo literario de cemiterio e como un termo pertencente ao tecnolecto da arqueoloxía, o “cemiterio prehistórico ou da antigüidade”. Amais deste cultismo, empregamos outro equivalente creado con voces patrimoniais, camposanto, voz que fai referencia á obriga de soterrar nun espazo sagrado.

O narrador do relato dinos que se fixo cuns papeis manuscritos dun falecido grazas a un enterrador “persoa encargada de enterrar os mortos nos cemiterios” que llos deu. A denominación deste oficio fórmase sobre o verbo enterrar, e este sobre terra, a que se nos bota por riba cando nos soterran (poñer baixo da terra); ten como sinónimo sepultureiro, -a, vocábulo vinculado coa voz sepultura, procedente da latina sepultura, ‘exequias’ ou ‘funeral’. Este curioso personaxe espoliaba os sepulcros “construción escavada na terra ou levantada sobre ela para enterrar os defuntos”, palabra orixinada na latina sepulcrum. Disque levantaba as lápidas “lousas con algunha inscrición gravada, en especial a que se coloca sobre unha sepultura” ou as campas “lousa plana de pedra con que se cobre unha sepultura” para extraer o ouro, as roupas e calquera cousa de valor que portaba o defunto ou a defunta. Aquelas follas eran as memorias dun esqueleto cun ollo de vidro na caveira que lle permitía ver e conversar con todos os demais que repousaban no camposanto, ou sexa, cos outros esqueletos. O Dicionario define esqueleto como o “conxunto de ósos que sosteñen o corpo dos vertebrados”, voz que nos chega desde o latín científico sceleton, que remite ao grego skeletón e este refírese ao ‘corpo reseco’, á ‘momia’, e logo mediante metonimia pasou a denominar a osamenta.

Non nos podedes negar que o texto de Castelao ten todos os ingredientes propios do Samaín… Como non volo contamos todo en detalle, animámosvos a que lle deades unha lectura nestes días. Os parrafeos sepulcrais están cargados de humor negro, pero tamén é unha descrición mordaz da sociedade galega daquela altura.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir