Cando o atentado ao semanario satírico francés Charlie Hebdo, buscamos unha fórmula relacionada co léxico que nos permitise expresar o que sentimos e o que cremos que debemos trasladar. Atopámola, mais ao relela vemos que non precisamos desta relación para dicir o que queremos manifestar: adoptamos o cancelo #jesuischarlie e agardamos que a violencia e o odio non sexan quen de poder coa liberdade de expresión en ningún lugar do mundo e especialmente na cidade na que baixo o lema liberté, égalité, fraternité se subiu un banzo xigante na procura dunha sociedade máis xusta.
E agora imos ao noso, a revolver nas palabras.
Hebdo é a abreviatura familiar que os franceses utilizan para hebdomadaire, unha palabra que comezaron a empregar aló polo XVIII para referírense ás publicacións periódicas de carácter semanal, dándolles nome a múltiples semanarios desde aquela e tamén, nos anos noventa, ao Charlie Hebdo, unha revista de humor gráfico.
O galicismo entra na nosa lingua como hebdomadario, cun valor semántico asociado ao ámbito relixioso que procede do étimo latino hebdomadarius, na lingua eclesiástica da antiga Roma ‘aquela persoa que cumpre un oficio litúrxico por semana’, como por exemplo celebrar a misa, facer as lecturas ou participar no coro da igrexa. A noción temporal, relativa ao período de sete días, tómase do grego hebdomás, hebdomádos, onde tiña o significado de ‘semana’ e tamén ‘conxunto de sete anos’, ‘número sete’ ou ‘grupo de sete, en xeral’.
Derivados deste prefixo grego hebdo-, conservamos os cultismos hebdómada, que o Dicionario define como “semana” ou “período de sete anos” e mais hebdomadario que, para alén da acepción relixiosa máis arcaizante, tamén pode empregarse como substantivo co valor de 'semanario’ ou ben como adxectivo equivalente a ‘semanal’, sempre nun rexistro culto e afastado da lingua coloquial.