O século XXI vén definido pola necesidade de comunicármonos ao instante. Sempre tivemos cousas que dicirnos mais agora, grazas á tecnoloxía, o caso é facelo de xeito inmediato. Os computadores e as tecnoloxías da información forman parte das nosas vidas. Para denominar as realidades que trouxo canda si a nova cultura da comunicación fóronse asentando termos como cibernética, cibernético e outros da mesma familia. Hoxe pódennos parecer denominacións habituais e facilmente recoñecibles, aínda que son de recente incorporación ao noso léxico e non atopamos documentación delas anteriores á derradeira década do século XX.
Estas novas palabras créanse partindo do prefixo ciber– e este deriva de cibernética, pero ambos proceden do grego kibernetiké que significaba ‘a arte de pilotar ou gobernar unha nave’. De momento nalgúns dicionarios de lingua non se recollen moitas delas, pero si no noso xa que desde a actualización deste do primeiro semestre de 2018 debido á intención do Seminario de Lexicografía da institución de ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación.
O prefixo referido é un formante moi produtivo posto que, nese mundo paralelo, a vida desenvólvese do mesmo xeito que no tanxible e cómpre nomeala dalgún modo. Para facelo, buscamos o termo adecuado engadíndolle ciber– e así indicamos que se trata de algo relacionado co virtual. Deste modo temos denominacións como ciberataque que é a ‘acción co obxectivo de tomar o control dun sistema informático, tanto para desestabilizalo ou danalo como para roubar ou manipular a información almacenada nel’ ou o ciberacoso, a ‘acción de acosar unha persoa empregando medios cibernéticos, especialmente a través das redes sociais’. E para vixiar que non haxa desmandos na rede, creouse un corpo de ciberpolicías que vixían pola ciberseguridade ‘conxunto de medidas destinadas a evitar ou reaccionar contra os ataques informáticos, incluíndo protocolos de actuación, regras, ferramentas e leis’. Non todo pinta mal no ciberespazo ‘realidade virtual onde se agrupan usuarios, páxinas web, chats e demais servizos de Internet e outras redes’ e temos tamén o cibervoluntario que é a ‘persoa con coñecementos das novas tecnoloxías que axuda, de forma desinteresada, a fomentar o uso e coñecemento das ferramentas tecnolóxicas, á alfabetización dixital e a eliminar a fenda dixital’ e mesmo, no seu día, propiciou a creación dun novo lugar de encontro real que era o cibercafé ‘cafetaría que pon ao dispor dos seus clientes ordenadores para conectarse a Internet’, que se popularizou como ciber e que proliferaron, sobre todo, cando non todo o mundo tiña un ordenador, nin conexión na casa. E, de feito, a fundadora do primeiro que se abriu en 1994 en Londres, Café Cyberia, argumentou que cumpría ter un lugar onde fose posible a conexión e que as persoas sen ordenador puidesen ter acceso a eles para poder gozar das vantaxes destes, como ter unha conta de correo electrónico para se comunicar de xeito máis barato uns cos outros.