Poderiamos definir cibercondría como a crenza infundada de padecer unha enfermidade en base a informacións obtidas en Internet. Para crear este termo, partiuse de ciber- –forma que funciona como prefixo para crear novas voces relacionadas coa cibernética– e da palabra hipocondría –preocupación esaxerada pola saúde, que leva a quen a sofre a crer, sen fundamento, que padece enfermidades graves–. No ámbito anglófono, de onde xorde a inspiración para o resto das linguas, os primeiros usos de ciberchondria (tamén compuchondria, sobre computer) sitúanos en data moi recente, en concreto, no ano 2001, en xornais como The Independent ou a canle BBC.
Á súa vez, o termo hipocondría formouse por derivación a partir de hipocondrio, denominación para a rexión da nosa anatomía situada en cada lateral do abdome, debaixo das costelas falsas e formada a partir de dous constituíntes chegados do grego, hipo, que podemos asociar co sentido de ‘debaixo’ e condro, que achega o significado de ‘cartilaxe’. O nome da patoloxía non ten nada que ver coas cartilaxes que temos encima do hipocondrio, pero considerouse nun principio que o mal se orixinaba aí.
Din os especialistas que esta doenza relacionada coa auto-diagnose nas webs se está convertendo en algo habitual –de aí que se lle buscase nome–, porque a facilidade para atopar información sobre síntomas ou diagnósticos a través da Rede supón un problema engadido para as persoas hipocondríacas, ben porque a información non sexa fiable ou porque se extraen conclusións precipitadas e elaboran un diagnóstico a partir de premisas falsas. Visto no cine ou no teatro, pode resultar cómico pero na vida real é causa de ansiedade e angustia.