
Imaxe baseada nunha ilustración publicada por elquintopoder.cl
O significado que describen as obras lexicográficas para o termo coeducación refírese á “educación conxunta de alumnos de ambos os dous sexos” nos centros de ensino. Así podemos lelo no Dicionario e así o entenderemos como equivalente a “educación mixta” –a denominación que se impuxo nos países anglófonos, mixed-sex education–. No noso ámbito, o debate pola escola mixta xurdira a finais do XIX e levou un proceso de implantación lento e dificultoso que non se veu xeneralizar ata o período republicano, entre 1931 e 1936. Con anterioridade, a norma común era a segregación do alumnado en razón do seu sexo, coas implicacións evidentes que esta medida supuña canto ao enfoque da educación e o coñecemento adquirido por uns e outras. A reivindicación dunha escola mixta foi obxectivo prioritario dos colectivos que loitaban pola igualdade plena de homes e mulleres. Coeducación foi o termo creado para representar, a través do prefixo de orixe latina (con- / com- / co-), esa idea da educación ‘a par’.
A violencia de xénero ou violencia machista é unha realidade non asumible para unha sociedade democrática
A violencia de xénero ou violencia machista é unha realidade non asumible para unha sociedade democrática. Son indispensables o debate e mais a revisión de supostos co obxectivo de orientar a acción que remate con esta lacra global. Arredor do 25 de novembro, Día internacional contra a Violencia de xénero, publícanse múltiples textos onde non falta a terminoloxía específica e tamén a actualización de voces xa instaladas na lingua pero que se abren a novos usos e acepcións. O pensamento crítico e as palabras evolucionan ao tempo que muda a realidade. Un dos nomes que vén reflectindo estas mudanzas nos seus usos, abríndose a sentidos anovados, é o substantivo coeducación, que nos últimos anos arrequeceuse cunha nova acepción: ’método educativo que consiste en equilibrar as carencias específicas do alumnado que resultan da aplicación dos roles de xénero dominantes’.
A coeducación no sentido orixinario que comentamos máis arriba foi unha medida decisiva e necesaria pero que co tempo se demostrou insuficiente. Que os rapaces e rapazas compartan unha mesma aula e itinerario educativo non chega para asegurar que a educación sexa equilibrada, entendendo o equilibrio como a compensación necesaria para reverter a desigualdade que se deduce dos roles sexistas. A formación específica do profesorado, a transmisión de contidos e valores de igualdade, acabar co uso sexista da linguaxe, recuperar e dar a coñecer as mulleres que destacaron nos diversos ámbitos ao longo da historia, compensar as carencias dos homes no que ten a ver coa atención emocional e a ética dos coidados ou as eivas das mulleres en canto a liderado –por nomear algunhas liñas concretas– supón atacar o problema da violencia de xénero pola raíz. E neste enfoque reside o fundamento que xustificaría un novo sentido para a palabra coeducación.