Unha necesidade que aparece na sociedade occidental en idade laboral é facer compatible a vida laboral e a persoal. As persoas cobizan desenvolver unha carreira profesional venturosa, pero tamén poder gozar das ofertas culturais e de lecer que aparezan, participar no tecido social da súa comunidade e conseguiren sentirse satisfeitas. Seica este devezo é realizable botando man da conciliación.
Mais, ao mellor, non é tan doado. O Dicionario define a palabra como a “acción de conciliar ou conciliarse”, derivado do verbo conciliar que na segunda acepción indica “facer que dous se poñan de acordo”, procedente do latín concilio, onde significaba ‘unir’, ‘reconciliar’, ‘facer amigos’. Esta voz emparéntase con harmonización, que deriva de harmonizar (poñer en harmonía) e tamén, en certa medida, con compaxinación que nos leva a compaxinar, que se define como “facer compatible”. Porén para que a sociedade non desafine e resulte compatible o eido laboral e o persoal convén atallar a desigualdade no ámbito familiar. Hogano todos estamos de acordo en que as mulleres deben de acceder ao mundo do traballo en condicións de igualdade cos homes, e para iso xorden políticas e programas de conciliación nas entidades públicas e nas empresas. Este acordo débese prolongar ata os fogares de cadaquén, o traballo non-remunerado ben repartido é un factor primordial para que apareza a verdadeira harmonía na sociedade.
Nestas circunstancias xorde o concepto de corresponsabilidade, o ‘reparto equitativo das responsabilidades domésticas e do coidado das persoas entre mulleres e homes’. A orixe da palabra lévanos ao latín medieval responsabilis ‘que require unha resposta’. Mediante esta acción preténdese dar unha contestación ao feito de que as tarefas non-remuneradas atribuídas ás mulleres están pouco valoradas, aumentan o seu empobrecemento e empeoran a saúde das mulleres. Sen dúbida para que todo se artelle e funcione deberíanse modificar os roles que tradicionalmente se lles asignaron a homes e mulleres. Ata o momento a elas outorgábaselles o papel de coidadora, de educadora e mantedora do fogar, o rol reprodutivo; mentres que os homes asumían o rol produtivo vinculado coa actividade económica. Este tiña retribución económica, pero o traballo reprodutivo non e, por iso, era depreciado. O termo rol procede do inglés role e este do francés rôle, onde designaba o papel que tiña unha actriz ou actor nunha representación teatral, significación adquirida porque o texto para memorizar tiña forma de rolo. Logo, no eido da psicoloxía a acepción que mencionamos xorde a finais do século XIX.