Xa vos falamos da orixe da palabra corentena. Como se alongou a condenada, desta volta imos lembrar outro termo moi relacionado con ela: confinamento, a acción ou o efecto de confinar, verbo que significa neste caso “obrigar a alguén a permanecer nun lugar ou nun espazo limitado”. Se estades a pasar estes días resolvendo algún crebacabezas, atendede ben á historia desta palabra, porque ten certo parecido con estes xogos!
Confinamento fórmase sobre o verbo confinar e mais o sufixo –mento (que denota acción), e sería, como vimos de dicir, a “acción de obrigar a alguén a ficar nun lugar delimitado”, xa que o noso verbo confinar significa, efectivamente, “obrigar a alguén a permanecer nun lugar ou nun espazo limitado” —aínda que tamén é sinónimo de limitar cando falamos de terreos ou territorios, mais non é esta a acepción que nos interesa aquí—.
Para chegar a este verbo debemos pescudar entre dúas posibles orixes: unha, que se forme a partir do substantivo confín, do que falaremos máis adiante; outra, que proveña do verbo do latín medieval confinare ‘encerrar dentro duns límites’.
O termo confín, en galego, non conserva exactamente o mesmo significado que a palabra latina confinium, da que provén. Nesta lingua, tanto o termo como o seu significado derivan do latino finis, que significou nun primeiro momento ‘límite’, ‘fronteira’, e mais do prefixo con- (ou co-), que significa ‘unión’, ‘compañía’ ou ‘contigüidade’ (o mesmo que aparece en palabras como cooperación ou colaborar). De aí vén o significado do latino confinium, que sería algo parecido ao ‘límite común’ entre dúas zonas ou territorios. Porén, na nosa lingua, confín pasou a significar o “lugar máis apartado dentro dun país ou territorio, situado nos seus límites extremos”, así que, se o verbo confinar estivese formado sobre o substantivo galego, debería significar algo semellante a ‘poñer nun lugar moi apartado’, pero o significado que conserva é moito máis próximo ao significado do confinis latino que ao do confín galego, xa que falamos de “poñer dentro duns límites” algo ou alguén.
Agora que xa sabedes de onde vén confinamento, e por que o estamos a facer, facede o favor de mantelo!