Nunca fuches axudar a botar unha placa ou a apañar patacas, sabendo que habían facer o mesmo por ti? A que algunha vez te levaron nun coche e logo lle devolviches á persoa o favor? Pois seica a iso lle chaman colaborativo. Logo da época do capitalismo popular, onde todos habiamos investir en Bolsa, facernos ricos e ser grandes propietarios, cambiaron as tornas e ante a enorme crise económica xurdiron iniciativas que promoven non precisar de mercar para satisfacer as nosas necesidades.
O concepto, como vemos antigo, aplícase na actualidade á economía e dentro dela, especificamente ao consumo. A idea baséase na filosofía de acceder a un ben ou servizo sen que haxa necesariamente adquisición ou troco monetario entre as persoas implicadas, valéndose das ferramentas técnicas que a informática ofrece. Este tipo de consumo fundamentado en compartir (o que non sempre implica que non exista beneficio económico), potencia a experiencia de uso en detrimento do ter, e para que se dea deben cumprirse cando menos tres condicións: que exista un mercado, unha plataforma e que haxa oferta e demanda en relación un a un. A revista estadounidense Time valorou o consumo colaborativo como unha das dez grandes ideas que están a cambiar o mundo e segundo diversos estudos os beneficios xerados, entre outros, serían: reduce o impacto ambiental, fortalece as comunidades e a auto-organización, permítelles acceder a bens ou servizos a persoas que de teren que compralos non poderían, incrementa a independencia dos individuos e a participación democrática.
Colaborativo é un neoloxismo procedente do verbo colaborar “traballar en unión con outro ou outros” que nos chega do latín tardío collaborare, híbrido á súa vez de laborare que significaba “traballar”, “esforzarse” ou “loitar” mais a preposición cum (con) convertida en prefixo. As linguas próximas tamén adoptan termos semellantes, como en francés, collaborative, en italiano, collaborativo, en catalán col•laboratiu e en castelán e portugués colaborativo.
O termo que acabamos de ver garda certa relación con cooperativo “relativo ou pertencente á cooperación”, derivado de cooperar que é “xuntar a propia acción, influxo ou medios cos doutro ou outros para acadar en común un determinado fin”, procedente do verbo cooperari, “combinar” ou “traballar con”.