corentena

Cada enfermidade é diferente:  nas causas, no seu período de incubación, na súa duración, e mesmo na cura e na forma de contaxio; todas elas son características distintas para cada doenza. Porén, sempre que se establece o illamento de persoas enfermas, ou sospeitosas de selo, co fin de conter unha epidemia falamos de corentena, unha palabra que non deixamos de escoitar por causa do coronavirus.

O termo corentena, con este significado, provén da Venecia devastada pola Peste Negra do século XIV: quarantina giornicorenta días– era o tempo que as persoas infectadas pasaban illadas para evitar a expansión da enfermidade. Os motivos, iso si, distaban de ser científicos, pois a duración deste illamento viña determinada polos corenta días que Xesucristo pasou no Monte da Tentación, lugar do deserto de Xericó en que o mesías foi tentado polo demo. Tamén son os días que Moisés pasou no monte Sinaí antes de regresar cos dez mandamentos entre as mans.

A palabra corentena, con este significado, tamén pode ser empregada de forma figurada. Se alguén nos propón un plan, podemos poñer esta idea “en corentena”, o que quere dicir que imos agardar un tempo para pensalo ben.

Unha palabra intimamente ligada a esta é a de lazareto, hoxe en desuso e referida ao lugar onde pasaban a corentena as persoas que viñan  de lugares nos que había unha epidemia. Tamén é o nome que recibían os hospitais para persoas leprosas, e aí debemos buscar a súa orixe, outra vez bíblica: Lázaro era un leproso que foi curado por Cristo. Dous lazaretos galegos moi coñecidos foron o de Oza (na Coruña) e, antes de ser convertido nun campo de concentración, o da illa de San Simón.

Corentena ten outros significados que, esta vez si, nomean corenta elementos. Se dicimos que alguén está na corentena, é que ten entre corenta e cincuenta anos. E, se nos poñen en corentena, o mellor será ter unha corentena de libros, filmes, discos ou videoxogos para non aburrirnos o tempo que teñamos que pasar na casa, que, manteñamos a calma, non será corenta días.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir