
Nos últimos meses estivemos a recibir novas pouco tranquilizadoras sobre un novo virus, o coronavirus 2019-nCoV, que está supoñendo un problema de saúde pública ao redor do mundo, tamén en Galicia. Porén, no Portal das Palabras queremos previr outra posible epidemia asociada: a de chamalo *coroavirus. Este emprego non é correcto, pero ten certa lóxica e unha explicación.
O termo virus deriva do latín virus, que significaba ‘veleno’ ou ‘pezoña’. A este engadímoslle o prefixo corona-, que, evidentemente, ten a mesma orixe que a nosa palabra coroa, derivada do latín corona, que á súa vez procede do grego korone, que significaba ‘grilanda’ ou ‘coroa de flores, de loureiro’ ou simplemente ‘coroa’. Hoxe en día, esta palabra ten varias acepcións que comparten o trazo de forma de círculo ou halo: “peza ornamental en forma circular que se pon na cabeza”, “círculo de luz arredor dun astro”, “roda pequena dentada” etc. É este punto o que nos leva a empregar esta palabra no nome do virus, debido a que, cando se observan a través dun microscopio electrónico, presentan unha forma redonda que culmina cun círculo de virións ao redor que lembra a coroa solar.
Chegados a este punto, non podemos negar que a tentación de dicir *coroavirus é moi grande, xa que, efectivamente, o corona do latín veu dar en coroa en galego na súa forma patrimonial. Porén, non podemos esquecer que no campo da medicina predomina o léxico culto, máis achegado aos termos latinos e gregos dos que proceden as palabras. Así, falamos de arterias coronarias para referírmonos a aquelas que rodean o corazón, ou de sutura coronal cando facemos referencia á articulación cranial que se estende de tempa a tempa.
Por iso, a forma correcta de designar este virus é coronavirus, tanto en galego coma en portugués, castelán ou inglés, xa que se trata dun termo científico culto, formado coa voz latina corona e non coa patrimonial galega coroa.