Na valoración conxunta entre as palabras que propuxestes para a convocatoria que fixemos en Facebook mais as recollidas dos medios de comunicación –sempre que tivesen interese léxico–, hai unha que destaca sobre o resto e por iso corrupción é a palabra do ano 2014 para o Portal das Palabras.
Non é casualidade que a presenza deste termo sexa moito maior dos anos oitenta en adiante. Os datos de frecuencias son claros: no Tesouro informatizado da lingua galega (TILG), onde se recollen textos compostos entre 1612 e 2013, a gran maioría teñen data posterior a 1981. Así mesmo, nos anos máis recentes, pode comprobarse no CORGA, Corpus de referencia do galego actual, o emprego crecente da palabra corrupción na prensa escrita. A tendencia esténdese aos medios de comunicación en xeral e asemade aos usos orais dos falantes, que corren parellos á actualidade social.
O sentido máis presente e estendido de corrupción témolo no ámbito xurídico onde se aplica ás actividades contrarias ao Estado de Dereito desenvolvidas por cargos públicos que fan un uso indebido do poder á espera dunha recompensa, da índole que sexa, e prexudicando o interese colectivo. Loxicamente, corrupción é tamén a acción promovida por unha persoa física ou xurídica para, por medio de gratificacións, conseguir o favor dun representante público nunha actividade onde interveña unha administración. Mais o ámbito semántico da corrupción é moito máis estenso e dificulta facer unha definición completa xa que, como recoñece Fernando Vázquez-Portomeñe na entrada correspondente do Dicionario xurídico galego (2012), “o significado das expresións corromper ou intentar corromper é controvertido”.
Desta amplitude semántica dá conta a etimoloxía, xa que corrupción vén do substantivo latino corruptio, corruptionis, derivado de corrumpere, verbo creado a partir do intensificador co– e o predicado rumpere, con múltiples significados na lingua de orixe: ‘romper’, ‘quebrar’, ‘esnaquizar’, ‘rachar’, ‘fender’, ‘ferir’, ‘traspasar’, ‘violar’, ‘infrinxir’ ou ‘estalar’, por citar só algúns. O denominador común podería ser ‘unha acción que ten como resultado un estado negativo, ou deturpado, desde unha situación de orixe que se valora como referente positivo’. A este esquema básico axústanse as tres acepcións –transitivas ou pronominais– descritas no Dicionario para corromper: a referida á natureza física, a que alude ao principio moral ou a que sinala a forma primixenia. Deste xeito, pode corromperse unha froita, un servidor público ou o orixinal dun texto.
Corrupción é tamén unha palabra fecunda desde un punto de vista lexicográfico tanto no latín coma na nosa lingua, alternando dentro da mesma familia léxica as vogais < u> / < o> no radical, en función da tonicidade e a cantidade vocálica do étimo. Deste xeito, conviven na lingua corruptela, corruptible, corruptivo, corrupto ou corruptor con corromper, corrompible e corrompido. No extremo oposto, a familia complétase nos antónimos incorruptibilidade, incorruptible e incorrupto.