deflación

Estamos afeitos á palabra inflación e ao que supón. Aínda non sabendo nada de economía, entendemos que significa a “suba xeneralizada e continua dos prezos, provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación” mais, malia a súa mala prensa, din os expertos que é necesaria para o desenvolvemento dos sistemas económicos, cando menos nas sociedades capitalistas. Por iso, cando se produce a situación contraria, denominada deflación, causa tanta preocupación, como se observa nos últimos meses a través dos medios de comunicación. Imos aprendendo que a deflación é un síntoma grave dunha economía en crise, paralizada, onde se retrae a demanda de bens e servizos, provocando o abaratamento dos prezos, mesmo por riba das marxes necesarias para que as empresas poidan producilos, o que implica a baixada do investimento e a destrución do emprego, así como o aumento da débeda pública canda a suba dos tipos de xuro. Ou sexa, que a economía, coma un globo furado, desínflase.
 

Aos globos precisamente facía referencia, a finais do século XIX, o verbo inglés to deflate, para indicar a acción contraria a inchar. O contido semántico partía do étimo latino deflare (de + flare), que podería traducirse por ‘soprar pola superficie’ ou en xeral ‘soprar por fóra’, de xeito que, xa na lingua moderna, o prefixo despraza o seu valor ata ‘cara abaixo’. Desde aí, o verbo pasa a significar ‘soprar con menor intensidade, diminuíndo a cantidade de aire’ e por extensión ‘desinchar’. O termo deflación e o adxectivo derivado deflacionista veñen por tanto do anglicismo deflation (do latín deflatum e este do devandito deflare) e comezaron a se utilizar con este sentido ao redor dos anos vinte do século pasado, na época da Gran Depresión estadounidense, e as consecuencias na economía internacional da primeira guerra mundial.
 

Desde o inglés, a deflación introdúcese noutras linguas e na nosa como cultismo tardío, o que explica a súa morfoloxía, mantendo o grupo consonántico < fl >, parella a outros cultismos relacionados etimoloxicamente, como flato, flatulencia, flatulento, inflar ou insuflación, fronte á evolución en vibrante /r/ das palabras máis antigas, como soprar, de sufflare.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir