
Co nome de eucalipto desígnase un xénero de árbores, orixinarias maioritariamente de Australia, que inclúe diferentes especies. A súa incorporación á flora das latitudes europeas é relativamente recente. A Galicia chegou a través do misioneiro tudense, o padre Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Nursia coa misión de evanxelizar aquelas terras.
A variedade de eucalipto máis estendida na nosa terra é o Eucalyptus globulus, que estaba afeito a vivir en rexións con escaseza de auga, así que se plantou para desecar terreos húmidos. Ten un crecemento moito máis rápido que as nosas árbores autóctonas e desde moi cedo se pensou que se axeitaría para a produción industrial de madeira de baixa calidade, apta case unicamente para a fabricación de parqué ou pasta de papel.
Pero, de onde vén o termo eucalipto? Neste caso temos sorte, porque lle podemos poñer nome e apelidos ao seu creador. Foi o maxistrado e botánico francés Charles-Louis L’Héritier, quen lle deu o nome, no s. XVIII, de Eucalyptus obliqua á arbore que chegou ao British Museum proveniente da famosa expedición do capitán James Cook. O termo está formado pola unión do prefixo eu-, que significa ‘ben’, e kaliptós, que significa ‘cuberto’. Ambos os elementos son de orixe grega: Eucalyptus significa literalmente ‘ben cuberta’, referido á cápsula das súas flores, e ‘oblicua’ remite á forma da base das follas cando son adultas.
Pero deteñámonos en Eucalyptus. O prefixo eu- aparece noutras palabras da nosa lingua cos significados de ben, agradable, correcto, verdadeiro. Así temos: eufonía (efecto agradable ao oído), eumicetos (fungos verdadeiros) ou eupéptico (que facilita a dixestión). Relacionado con kaliptós, o outro elemento compositivo desta voz, está o nome Calypso, que era como se chamaba a ninfa que se ocultaba nunha illa e que entretivo a Ulises durante sete anos na súa viaxe de retorno a Ítaca. Un nome que algúns recordaredes porque era tamén o do barco do capitán Cousteau, e outros, pola música caribeña.
Pois ben, parece que a plantación e reforestación indiscriminada desta especie arbórea provoca cada vez máis rexeitamento social, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación, e non só en Galicia e Portugal, senón tamén noutros lugares do planeta como California.
Esta é a razón para que se creara, por parte de colectivos ecoloxistas do noso país, o neoloxismo eucaliptización, que describe a tendencia da nosa masa forestal, e o seu reverso, deseucaliptización, que quere denominar o complexo movemento de quitalos do monte. A formación de verbos derivados de substantivos é frecuente na nosa lingua, por exemplo árbore>arborizar, aroma>aromatizar etc. Sobre o substantivo eucalipto formouse así este neoloxismo que se axusta ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. Deste xeito, mediante a sufixación xurdiu o verbo eucaliptizar e, engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo deseucaliptizar, e de aí deseucaliptización, que sería o substantivo que indica acción e que chegou a ser Palabra do Ano de 2018.