
A construción do termo desimputación non presenta problemas: ante imputación sitúase un prefixo des-, co significado de 'en dirección contraria', cun alto rendemento na lingua. Imputar pertence a un grupo de palabras con significados moi semellantes, que ben poderiamos expresar por medio dos xenéricos achacar, apoñer, apor ou atribuír, todos eles, en xeral, con connotación negativa, tendendo a 'culpar'. A familia de sinónimos completaríase con acusar, incriminar, inculpar e mesmo delatar e denunciar. Este conxunto denota 'atribuírlle algo malo a alguén, especialmente un delito' e van seguidos dun complemento rexido da preposición de (agás incriminar, seguido por en).
A etimoloxía de imputar é curiosa: putus usouse na orixe apenas na expresión purus putus aplicada aos cartos, que indicaba que eran puros. Posteriormente estendeuse a ‘recortar’ e tamén a ‘contar’, polo que coa inclusión do prefixo in-/im– co valor de ‘no interior’, o verbo imputar quedaría co significado de 'introducir na conta'. Da mesma orixe serían amputar, computar, conta, contable, deputado, disputar, podar e reputación.
As noticias recentes de xuízos, os casos e macrocasos de corrupción, dado o escándalo social que están a levantar, converteron a palabra imputación e a acción contraria, desimputación, en termos de total actualidade na linguaxe xornalística e política.