diastema

Nos Contos de Canterbury (fin do século XIV), un grupo de trinta peregrinos descansa nunha pousada camiño do san Tomé da vila inglesa que lle dá nome á obra. O autor, Geoffrey Chaucer, sitúa entre deles unha muller da cidade de Bath da que conta:

“Casou consecutivamente pola Igrexa con cinco maridos, sen contar os seus varios amores de mocidade, … estivera en Roma, en Boloña, na catedral de Santiago de Compostela e en Colonia, polo que sabía moitísimo de viaxes. Por certo que tiña os dentes separados…  Sen dúbida coñecía todos os remedios para o amor, pois nese xogo fora mestra”.

Chaucer descríbenos o que para a sociedade do momento debeu ser unha muller lasciva e caracterízaa dicindo que tiña unha separación nos dentes, sinal inequívoco de luxuria na persoa que sufría ese oco entre os incisivos superiores. Diastema é o nome técnico desta separación. Nalgúns ámbitos considérase sinónimo de xuventude e beleza, ata o punto de que hai xente que acode ás clínicas de ortodoncia para o provocar artificialmente, imitando algunhas manequíns de fama mundial, e contra a recomendación profesional que alerta de que esta moda pode implicar complicacións médicas.

Nun uso máis xeral, o diastema pode denominar unha fisura ou fendedura, en correlación coa forma diastema grega da que procede e que significaba ‘intervalo’. Aplicado á anatomía, a presenza deste espazo interdental orixínase por unha desproporción entre o tamaño da mandíbula e o dos dentes e resulta algo moi típico nos nenos, polas súas pequenas pezas dentarias. Tradicionalmente servía de brincadeira dicíndolles que, ao teren os dentes regañados, escapábanlles polos ocos as mentiras.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir