As choivas intensas e as inundacións son acontecementos ben coñecidos polas xentes da cunca mediterránea e do val do Ebro. Están documentadas desde 1517, precisamente en Valencia, co desbordamento do río Turia; pero tamén en Murcia (1879), en Almería (1891) ou en Alacant, son fenómenos que ocorren de forma recorrente no Estado español e pola súa intensidade e as terribles consecuencias convérteos nos desastres naturais máis graves. As elevadas temperaturas deste verán, a evaporación que estas provocaron e mais o encontro cunha zona de aire frío foron os causantes de que a primeiros do mes de novembro se precipitase unha cantidade inxente de auga dun xeito instantáneo en puntos xeográficos concretos de Valencia ou de Albacete coas consecuencias catastróficas que xa todos coñecemos. O sucedido é denominado co termo DINA.
A DINA é un fenómeno atmosférico habitual que se pode producir en calquera momento do ano e en diferentes latitudes, se aparecen os condicionantes axeitados. Pero en Europa, no Mediterráneo, resulta especialmente perigosa ao rematar o verán, cando a temperatura superficial do mar subiu de tal modo que fai que aparezan cúmulos nebulosos froito da moita evaporación. A definición técnica que proporcionan os meteorólogos é “depresión cerrada en altura que quedou illada e separada completamente da circulación que se asocia ao chorro polar, e que se move de xeito independente deste chorro onde se xerou”. Daquela, a masa de aire frío que quedou nun punto concreto das zonas altas da atmosfera pode descender a alturas máis baixas e cando se atopa co aire cálido e cargado de humidade procedente das superficies mariñas fai aumentar a inestabilidade e a aparición de choiva intensa e torrencial.
DINA é a sigla correspondente á locución terminolóxica: Depresión Illada en Niveis Altos. As siglas substitúen, por un criterio de economía lingüística, sintagmas con significado completo. É unha abreviatura que se crea collendo as letras iniciais dun sintagma ou dun enunciado que se unen para formar unha nova palabra. Ao tratarse dunha sigla esta escríbese sen puntos e con todas as letras formantes en maiúscula. Mais pode ocorrer que, polo uso recorrente e frecuente, consideremos que se converteu nunha unidade lexicalizada. Daquela, pódese tratar coma unha palabra común e ortografala en minúscula e o xénero que lle corresponde será o do substantivo núcleo do sintagma do que deriva, neste caso, o feminino correspondente á voz depresión, a dina. Este termo comezouse a empregar nas axencias de meteoroloxía do Estado para substituír á locución, considerada como sinónima, gota fría. Na actualidade opínase que é pouco precisa e está asociada á calquera situación meteorolóxica que leve consigo chuvias intensas e con efectos desastrosos ou non. Mentres a DINA é un fenómeno atmosférico individualizado, con causas e consecuencias concretas indicadas na propia denominación, feito que converte á gota fría nun termo difuso e de uso popular e pouco técnico.
Cómpre lembrar que existe outra voz dina, pertencente ao ámbito da física, que podemos atopar no DRAG definida como “Unidade de forza do sistema ceguesimal, equivalente á forza capaz de imprimir á masa de 1 g unha aceleración de 1 cm/s2”. O seu símbolo é dyn.