dominio

Tense dominio sobre un territorio sometido ao poder dun estado ou persoa, e tamén se ten cando falamos do noso coñecemento sobre un determinado tema. Mais hai uns anos que outra acepción, relacionada co mundo da informática e as tecnoloxías da información e comunicación, pasou a formar parte dos significados deste termo.

En Internet, o termo dominio fai referencia ao nome dun espazo na rede que pertence a unha empresa, organismo, persoa, institución… O primeiro dominio comercial rexistrado en Internet data de 1985 e pertencía a unha empresa de creación de sistemas informáticos. Aínda que aplicada a un ámbito de plena actualidade, a palabra conserva tamén nesta acepción o significado básico do étimo latino dominius, relacionado con dominus, 'o propietario', e en última instancia con domus 'casa' ou 'patria'.

Cando tecleamos no noso navegador un enderezo electrónico, por exemplo, www.portaldaspalabras.org o primeiro que escribimos é www (siglas de world wide web, é dicir, a web), despois portaldaspalabras, que é o nome do noso sitio na rede e rematamos con .org. O conxunto destas últimas letras é o que se chama dominio de primeiro nivel. Ao tempo que .org, na rede atopamos .com, .net, .gov, .info, .aero, .biz e outros. Son sempre de tres letras ou máis. Outros dominios de primeiro nivel, fan referencia á localización xeográfica, como poden ser .pt (Portugal), .es (España), .fr (France), .uk (United Kingdom), .ga (Gabón), .gl (Groenlandia), .gg (Illa de Guernési –en normando–, ou Guernsey –en inglés). Como podemos ver, os dominios xeográficos son sempre de dúas letras e non teñen por que coincidir con países, mais teñen que cumprir a condición de estaren inscritos na listaxe ISO3166.

Detrás das letras que escribimos para acceder a un dominio existen unha serie de números denominados IP (Internet Protocol) que identifican a páxina que queremos consultar. Este sistema de substituír números por palabras ou nomes de dominio, fíxose para facilitar o acceso porque, evidentemente, é máis doado lembrar un enderezo alfabético ca un numérico. Na actualidade emprégase o IPv4 que consta de 4 cifras separadas por puntos, mais dada a cantidade de dominios creados nos últimos anos estase traballando co IPv6 que utiliza unha numeración do sistema hexadecimal (combinación de números e letras), solucionándose así o problema do previsible esgotamento de enderezos.

Non hai moito a ICANN (en galego, Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) aprobou a creación de novos dominios de primeiro nivel, e entre eles o noso, o .gal que é o dominio para a comunidade lingüística e cultural galega. Esta é unha gran conquista do país e pasa a ser un privilexio de todos nós que empresas, organismos, persoas etc., nos acollamos a este dominio de noso cando abra o prazo. Por tanto, en breve, a ligazón a esta web portaldaspalabras.org pasará a portaldaspalabras.gal

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí