dopaxe

Dopaxe é a acción que resulta de dopar, é dicir, de “administrarlle a unha persoa ou animal unha substancia estimulante para aumentar circunstancialmente as súas capacidades físicas”.

Esta é unha práctica completamente prohibida nas competicións deportivas, e da que temos clamorosos escándalos, todo isto por querermos chegar ao límite das posibilidades físicas.

Coma moitas outras, especialmente se pertencen ao ámbito científico-técnico, esta palabra introduciuse no galego ao través do inglés. Neste caso provén de dope que, segundo o Dicionario Oxford, comezaría a utilizarse nos inicios do século XIX co sentido de “líquido espeso, denso”. Este termo inglés procedería do holandés doop “salsa” e este á vez de doopen, co significado de “mesturado, adulterado”.

Con respecto a este estranxeirismo na nosa lingua, temos que dicir que as primeiras documentacións que atopamos son do ano 1996, e aparece xa adaptado:
“O Consello de Ministros aprobou o réxime de infraccións e sancións para a represión da dopaxe, que poden significa-la suspensión ou privación de licencia desde tres meses ata os catro anos, ou a perpetuidade, se se trata da terceira reincidencia.”

O Correo Galego, CG1996-02-17/100.

A forma dopaxe é a máis utilizada nos corpus que manexamos, mais hai que precisar que ao mesmo tempo convive con “doping” que, ademais de non ser a máis empregada, é unha palabra non aceptada no Dicionario da Real Academia Galega.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir