drone

"Abáboro", "abázcaro" ou "abellón" é o significado orixinal da palabra drone en inglés, idioma de onde vén este termo –aparece por primeira vez nunha revista científica en 1946– que denomina as ‘naves pilotadas a distancia ou programadas, con autonomía ou semiautonomía, capaces de realizar distintas tarefas específicas durante o voo’, e que recordan un macho da abella robótico.
 

Tendo en conta a relativa extensión entre os falantes de drone, que xa pode considerarse instalado na lingua, non parece problemático adoptar o anglicismo para esta acepción, toda vez que non implica un uso tan habitual ou cotián que faga preciso habilitar un termo propio para nomear estes artefactos. É así que drone segue o principio xeral para a maior parte dos estranxeirismos aceptados no idioma: mantense a grafía da lingua de partida e tamén se recomenda unha pronuncia fiel á orixinaria /dron/. A postura respecto a este neoloxismo concorda coa da maioría das linguas da nosa contorna, portugués, catalán, francés e italiano, non sendo o español que utiliza dron.
 

Como alternativa a drone, cabe tamén a posibilidade de empregarmos un sintagma descritivo do obxecto, tal que vehículo aéreo non tripulado, vehículo aéreo remotamente pilotado ou aeronave non tripulada, se ben o índice de uso destas expresións é máis baixo, o mesmo que aconteceu na lingua de orixe, onde nun primeiro momento se empregaron fórmulas do tipo unmanned aircraft ou unmanned aerial vehicle, que logo caeron en desuso fronte a drone.
 

No século XIX, os austríacos ensaiaran os precursores dos drones, cando tentaron atacar Venecia con globos aerostáticos inzados de bombas, polo que a idea nun principio era destinalos a un uso netamente militar, pero na actualidade empréganse tamén no ámbito civil con distinto aproveitamento: exploración e limpeza de residuos tóxicos, captación de imaxes espaciais ou mesmo para o pastoreo e a mensaxería. Os modelos máis básicos convertéronse nun trebello de divertimento, xa sexa como xoguete para os máis pequenos, xa como un enredo para maiores facendo fotos e vídeos. Todos estes novos usos consolidan a presenza de drone no discurso oral e mais nos medios de comunicación, o que implica a súa incorporación nos dicionarios de lingua.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí