ébola

Ao longo da historia, conseguiuse erradicar enfermidades moi temidas, como a varíola ou a polio, e facer outras menos temibles, como é o caso da tuberculose. Tamén, ao tempo, foron xurdindo outras novas para as que polo momento non hai cura. Neste inicio de século, unha enfermidade mortífera, vinculada coa África central e pobre, aparece dramática e insistentemente nos titulares dos medios de comunicación: o ébola.

Trátase dunha febre hemorráxica de carácter vírico, descoberta en 1976 simultaneamente en Sudán e na República Democrática do Congo, en concreto nunha aldea preto do Ébola, un afluente da cunca do río Congo. Deste hidrónimo xorde a denominación do virus e a enfermidade que orixina, a EVE, siglas de Enfermidade por Virus de Ébola.

Desde antigo, é frecuente que os nomes propios de persoas ou lugares acaben empregándose como substantivos comúns para designaren realidades relacionadas con eles, converténdose en epónimos, un termo procedente do grego eponumon que en orixe podía entenderse como ‘o nome que se sobrepón a outro para substituílo’. No ámbito da medicina, tanto para nomear enfermidades coma tamén síntomas ou tratamentos, bótase man con frecuencia dos epónimos, que poden ser entre outros o nome do investigador que descobre a patoloxía ou o dun personaxe célebre que a padece (a síndrome de Down, o daltonismo ou o párkinson). Noutros casos o “nome substituto” é o dun lugar significativo, como acontece co ébola, a febre de Malta, por alusión a un grupo de soldados falecidos en Malta pola brucelose, ou a síndrome de Estocolmo, en lembranza dun secuestro de seis días nun banco de Estocolmo, no que varios reféns acabaron por identificárense máis cos secuestradores ca coa propia policía.

A EVE é unha enfermidade cunha mortalidade moi elevada, sen antídoto coñecido nin tratamento, agás o paliativo. Coma outros andazos, maniféstase por brotes, as aparicións repentinas dunha doenza nun lugar concreto, como podemos deducir a partir da acepción de brotar “comezar a manifestarse, producirse ou aparecer de repente”. No Diccionario galego de termos médicos defínese como a “agudización dun proceso patolóxico que se atopaba en fase de remisión”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir