Efeméride rosaliana

A estrela HD 149143 co seu satélite Sar, á man dereita do Seteiro collendo cara á Osa menor, por outro nome Rosalía de Castro, debe ter un espírito gustoso das brincadeiras. Só así se explica que nos adiantase a data de celebración dun dos fitos do ano da nosa cultura. Pois si, a partir do 2022 a data de nacemento de Rosalía de Castro pasa a ser o 23 de febreiro, como xa afirmaba Murguía, e non o 24, como viña sendo costume, neste toliño segundo mes do calendario.

Este paradoxo temporal, o cambio de data de algo que xa pasou, é froito do recente descubrimento do expediente matrimonial de Rosalía e Murguía por parte de Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid. No dito compendio documental atópase unha declaración da nai da poeta onde indica que esta nace o 23 de febreiro e que foi bautizada ao día seguinte, o 24, como María Rosalía Rita.

Para a sociedade galega o nacemento da autora de Follas Novas converteuse nunha efeméride que celebramos cara ao final de febreiro. O termo efeméride procede do latín ephemerĭde, onde é un préstamo do grego  ephemeris, voz relacionada co adxectivo  ephémeros, que significaba ‘que dura só un día’, e onde atopamos na súa formación o substantivo emera ‘día’. De aí pasou a significar ‘o que duraba moi pouco’: quizais un pouco menos que un día, quizais un pouco máis. Tirando da mesma raíz grega falamos dos insectos efemerópteros, que se desenvolven nas augas durante preto dun ano agardando o gran día no que saen á superficie, se reproducen (se non os papa unha troita antes, claro) e morren.

Porén, cando a voz que nos ocupa pasou ao latín ephemeris, -idis, adquiriu un novo significado, ‘diario’ ou ‘calendario  ou recordatorio dos feitos importantes do día’. E de aquí derivan os sentidos que lle damos hoxe a  efeméride como, a “relación dos sucesos importantes ocorridos o mesmo día do ano ao longo da historia”, e a “noticia en que se refire o que aconteceu nun día determinado do ano”. E xa que esta é unha homenaxe á máis grande de todas as estrelas das nosas letras, cómpre tamén citarmos as efemérides astronómicas, as táboas que nos indican as posicións dos obxectos astronómicos no firmamento ao longo do ano.

O nacemento de Rosalía é unha noticia do noso pasado que vai máis alá do feito en concreto que se celebra. Desde o Portal das Palabras convidámosvos a que festexedes o día de Rosalía este ano máis ca nunca: as efemérides non se cambian todos os días!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir