
O endometrio é unha membrana mucosa que recobre a cavidade do útero. Cando unha muller queda embarazada é porque o cigoto logrou ancorar no endometrio, que desde ese momento lle dá abeiro, desenvolvendo a placenta. Ten un tecido conxuntivo con gran capacidade de se agarrar á parede do útero, e tamén está ben vascularizado para favorecer a irrigación. Cando o tecido do endometrio medra fóra da cavidade uterina –invadindo outras partes do corpo coma os ovarios, as trompas de falopio, a pelve, o intestino e mesmo o pulmón– chámase endometriose.
O étimo da voz endometrio adianta cal é a localización –non patolóxica– desta capa celular: procede do grego éndon, que significa ‘no interior de’, mais métra -as, que era o nome para a matriz (sinónimo de útero, o mesmo ca madre ou criadeira, estas dúas últimas equivalentes populares que expresan a función con que se asocia este órgano). O morfema endo-, recoñecémolo noutros substantivos comúns do ámbito científico, da medicina e a bioloxía, como endoparasito ou endodoncia; aparece tamén en palabras fóra dese campo, como endogamia. Porén, no Dicionario só dúas voces conteñen –metrio: endometrio e endometriose. Outras obras de especialización como o Dicionario de termos médicos recolle endometrite –a inflamación do endometrio–, endometrioma –un tipo de tumor benigno, situado fóra do útero– ou endometrectomía –a extirpación do tecido endometrial ou ‘raspado uterino’–.
A voz endometrio pasou a formar parte do noso vocabulario na fase do galego moderno, aló no século XIX, e na súa forma definitiva pesou probablemente o termo inglés, endometrium, como sucede noutros casos do léxico científico. Endometriose é unha derivación posterior polo sufixo –ose, que en medicina se emprega para formar nomes de diversos procesos patolóxicos e doenzas, sobre a base do órgano enfermo.
A endometriose é unha enfermidade cunha sintomatoloxía extremadamente dolorosa, que afecta a milleiros de mulleres. Porén, diversos colectivos denuncian que, por se tratar dunha doenza exclusivamente feminina e relacionada coas menstruacións e o aparello reprodutor, ten pouca visibilidade e non existe a día de hoxe un protocolo xeneralizado, a investigación é lenta e escasa, os orzamentos insuficientes e a diagnose tardía.