
Na semana do día do teatro imos facer unha pequena achega aos entremeses, peza dramática que ten especial importancia na literaria galega dos séculos escuros. O noso repertorio literario ao longo dos anos amosa en boa medida a historia social da lingua. Na historia da literatura galega postulouse que se produciu un corte tallante na elaboración de textos entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento, non pasaría o mesmo coa lingua que non se deixou de empregar ata a actualidade. Como se explica esta diverxencia? Pois, en realidade, hai estudosos que defenden que non houbo tal desaparición literaria, dado que o galego permaneceu na literatura oral e as constancias escritas desta, ao mellor, simplemente están por descubrir.
O pasado verán publicouse na Trabe de Ouro unha edición dunha obriña teatral datada entre 1708 e 1712. Con este achado postúlase que a edición de textos galegos puido seguir viva durante este período, especialmente por parte dos xesuítas e bieitos. A autoría do texto sacado á luz é de Salvador Francisco Roel, titúlase Entremés gallego e foi localizado por Julio González Montañés. Editado en Santiago, fai que poidamos afirmar que se adianta en cen anos a edición da primeira obra autónoma en galego digna de chamarse libro. Falan nel seis personaxes en romance octosílabo que tratan o tema da confrontación militar cos portugueses, a crítica dos luteranos, os impostos… ademais doutros de carácter literario. En canto á lingua utilizada, cabe salientar a utilización da grafía <unha>, o emprego do verbo <decer>, usos léxicos como <polbo> ou <quintafeyra>,… que nos permiten descubrir unha lingua da que non tiñamos testemuños impresos.
No DRAG entremés é un “prato lixeiro composto por alimentos variados, como friames, olivas etc., que se poñen na mesa para ir petiscando mentres se serve a comida principal” e, en cambio, interludio, na súa segunda acepción, é a “peza teatral de curta duración que se representa entre dous actos”, significado que sería como deberiamos denominar a obra de Francisco Roel. Porén moitas destas obras teatrais do século XVIII son tituladas co termo entremés. Denominación usada na dramaturxia española, que tamén comparte o portugués, entremez; no italiano, intermezzi; e no francés, entremets. De feito Corominas di que a orixe do termo do castelán podería estar no catalán entremès onde o vocábulo desde o século XIV ten dúas acepcións: ‘manxar’ e ‘entretemento’, que bebería do equivalente do francés antigo onde ambas palabras terían como xerme o latín intermissus ‘intercalado’, do verbo intermittere ‘intercalar’, en calquera dos dous casos sería un derivado coa preposición inter‑, ‘entre’ e mais o verbo mitto, ‘enviar, estender, lanzar’, co que están emparentados (r)emitir, prometer, misa ou mísil.