enxaboar

A principal medida de prevención contra os xermes, e as doenzas que provocan, é a profilaxe. Con esta palabra de orixe grega estámonos a referir ao conxunto de medidas e tratamentos que nos axudan a preservarnos das enfermidades. Para que a asepsia sexa efectiva –é dicir, a ausencia total de microorganismos patóxenos­–, é indispensable que calquera material sanitario estea correctamente esterilizado e tamén a prevención dos profesionais que nos atenden. Parte destas medidas requiren de equipamentos especiais, pero un xesto tan sinxelo coma o de lavar as mans é tamén indispensable. Sabémolo dende o século XIX, cando o médico húngaro de orixe alemá Ignác Fülöp Semmelweis se decatou de que esta pauta tan sinxela, ademais de proporcionar recendo, reducía considerablemente a incidencia de infeccións.

A pandemia do coronavirus lembrounos, máis ca nunca en moito tempo, que o xeito de actuarmos individual e colectivamente é esencial para salvar vidas. Nas nosas mans está que moitas enfermidades non se propaguen, porque precisamente entre as medidas fundamentais que se recomendan para previlas, destaca que todos e todas nós cumpramos a solución prescrita por Semmelweis: lavar as mans a miúdo con auga e xabón.

Imos logo “fregar con xabón” os extremos dos nosos brazos, ou dito doutro xeito, ímolos enxaboar! Pero antes vexamos de onde procede e como se crea… adiviñades? Si, a resposta é sinxela: xorde por sufixación e prefixación sobre o substantivo xabón. Por unha banda, o prefixo en-, formante latino que, neste caso, serve para crear verbos onde se converte en acción a idea da palabra base, ‘encher de xabón’; e por outra, o sufixo –ar, que é a terminación habitual na creación de verbos.

Vaiamos agora á cerna, a voz xabón, que o noso Dicionario da Real Academia Galega define como o produto que resulta da reacción química entre un álcali e un ácido graxo e se utiliza comunmente para lavar, o aseo persoal etc. O seu étimo chéganos do latín tardío sapone co mesmo significado, aínda que esta forma vén á súa vez do xermánico *saipo-. Isto explica os equivalentes do alemán seife e do inglés soap. A mesma etimoloxía está tras dos cultismos saponificar, saponífero, -a, saponáceo, -a, todas elas palabras relacionadas coa palabra xabón ou coa variante xabrón, tamén recollida no Dicionario pero menos recomendable.

Volvendo ao verbo que nos ocupa, pertence á familia dos transitivos, significa, como xa dixemos, “fregar con xabón”, e permite o uso pronominal enxaboarse. Nas nosas falas podemos escoitar ademais as variantes enxabronar, enxabronare, enxabonar ou xabonar. Pero dá igual de que forma o escoitedes ou o digades, o caso é que facer hai que facelo…non o esquezades!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir