enxugar

Imaxe de Willi Heidelbach

Échevos ben sabido que a auga é unha necesidade prioritaria para os seres vivos. Cómprenos unha correcta hidratación para podermos vivir, e a súa carencia resulta fatal para os humanos e para a natureza. Pero, ás veces, xorden os paradoxos… o exceso de humidade tamén pode ocasionar problemas de saúde. Se hai moita, aumenta en gran medida a posibilidade de contraer infeccións virais e bacterianas. Como di o noso refrán, “tanto é o de máis como o de menos”.

Estes días nos que a covid-19 anda a amolarnos é moi importante enxaboar as mans, pero non menos imprescindible é enxugalas ben para poder previr o contaxio do coronavirus. O secado das mans non só elimina a humidade, senón que a fricción que facemos na acción reduce a carga microbiana e a posibilidade de transferir microorganismos nocivos, xa que estes campan mellor no húmido que no enxoito.

No país dos mil ríos, no que o chover ten un cento de sinónimos, hoxe escollemos unha palabra ben xeitosa para cando queremos librarnos de tanta auga, sen recorrermos ao anódino verbo secar. Enxugar é un verbo que significa “quitar a humidade de algo”, na versión transitiva da palabra, e “perder a humidade” cando se usa como intransitivo. Se buscamos a súa orixe atopámola no latín tardío exsucare que significaba ‘deixar sen zume’ que se crea sobre a palabra sucus ‘zume’. Este verbo é común nas linguas románicas da Península, posto que o portugués di enxugar, o castelán emprega enjugar e o catalán eixugar. Ao redor do verbo créase unha familia de parentes como son o substantivo enxugadoiro “lugar onde se tende a roupa a secar” e o adxectivo enxugador, -a “que enxuga”. Porén o verbo ten como participio pasado a forma regular enxugado, -a e unha irregular enxoito, -a que se emprega para denominar aquilo que “perdeu a humidade que tiña”, pero tamén para describir unha persoa “extremadamente delgada”.

A forma enxugar xa foi mencionada e explicada polo Padre Sarmiento en Colección de voces y frases de la lengua gallega e tamén a empregou no Coloquio de 24 gallegos rústicos de 1746. Mais, nunha ducia de dicionarios históricos e nos corpus textuais, tamén se rexistra  a variante enxoitar, que non temos a certeza de se é un invento dalgún autor que pasou dun dicionario a outro, ou se é unha forma realmente viva creada a partir do participio irregular do verbo enxugar.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir