epistolario

Francisco Fernández del Riego, protagonista das Letras do 2023, é o home das mil facetas, grazas á súa capacidade de traballo e ás diversas destrezas que posuía. A dedicación á cultura e á lingua galega desde a mocidade ata o último día da súa vida converteuno nunha ponte entre xeracións, ideoloxías e tamén entre a Galicia de aquén e alén do mar, tanto que acabou sendo como un Ministro de Exteriores.

Na década dos 40 do século XX comézase a barallar a idea de retomar a actividade política na clandestinidade. Daquela del Riego, Enrique Peinador e Gómez Román contactan con Ramón Piñeiro para revitalizar o Partido Galeguista. No verán de 1943, durante unha xuntanza na casa estival do autor de Lourenzá, reconstituíse o PG e logo decidíronse os cargos da organización onde o noso autor asumiu ser o secretario no exterior e de propaganda. Contactouse coas organizacións antifranquistas e restableceuse unha comunicación fluída coa intelectualidade galega exiliada. A súa relación cos exiliados e emigrados en América intensifícanse ata o punto de que en 1954, co gallo do Día de Galicia, foi convidado a visitalos en Bos Aires e Montevideo, unha viaxe na que puido reencontrarse con vellos amigos e camaradas. Mantén tamén o contacto co resto da diáspora en América, como mostra o envío de colaboracións para a revista Vieiros que se publica en México da man de Delgado Gurriarán.

Hoxe a mensaxaría é inmediata e accesible para case todo o mundo. Naquela altura a comunicación era máis dificultosa: non se posuían os medios técnicos contemporáneos, nin as circunstancias eran favorables, xa que calquera mensaxe era controlada e interceptada. Malia todo, se hoxe temos coñecemento das dificultades padecidas por uns e por outros, é grazas a un longo período de intercambio de cartas transoceánico. O noso home, como con todo na súa vida, foi un prolífico emisario e un concienciudo custodio que conservou e preservou todas esas misivas. Sen dúbida ningunha, moitas cousas se tiñan que dicir (e moitas outras que intuír) entre D. Paco e Seoane, Lois Tobío, Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Carballo Calero e outros persoeiros da nosa cultura. El mesmo confesa que sempre foi moi gardador de documentos.

Unha carta é un “escrito que se envía a alguén, xeralmente dentro dun sobre, para comunicarlle algo”. O termo carta procede do latín charta ‘papiro’ ou ‘papel’, tomado do grego chártes. Este substantivo facía referencia orixinariamene ao  material onde se escribe e se redacta, e despois, por metonimia pasou a designar o propio documento. Ao longo do tempo produciuse unha especialización destes escritos, e así atopamos distintos tipos de cartas: a carta aberta, aquela dirixida a un particular pero que se difunde nun medio de comunicación; carta náutica que é un plano a escala dunha extensión de mar e das súas costas, onde aparecen os datos relevantes que permiten unha navegación segura; se che dan carta branca outórganche un permiso amplo para actuar segundo o teu criterio; hai outra que ninguén quere recibir a carta de despedimento, na que se comunica á persoa contratada que non se conta con ela en materia laboral.

Un sinónimo culto é misiva definido como “escrito, xeralmente cerrado, que se lle envía a alguén para comunicarlle algo”, que ten a súa orixe no latín missus, participio pasado do verbo mittere ‘enviar’, ao que se lle engade o sufixo derivativo -ivo. O substantivo epístola, segundo o DRAG, é un escrito literario en prosa ou en verso no que se segue o modelo dunha carta, pero os falantes recoñecémolo tamén como un sinónimo culto e literario de carta; a súa orixe lévanos ao latín epistola, mais este remite ao grego epistolé que, á súa vez, se relaciona con epistéllo que significaba ‘enviar unha mensaxe’. Sobre este nome fórmase a seguinte familia léxica: epistolario que é unha colección de epístolas ( sen dúbida ningunha Don Paco tiña unha compilación de cartas das máis importantes do país, que nos permite coñecer a nosa historia recente da man dos seus protagonistas). Tamén se crea o adxectivo epistolar que se emprega para indicar que ‘pertence á epístola’. A ‘arte de escribir cartas e o xénero dedicado ás obras en forma de carta’ denominámolo epistolografía, e, por extensión, tamén recibe este nome o “conxunto de textos escritos en forma de carta”.

Se ben moita da súa correspondencia está editada, como as obras que recollen as cartas intercambiadas con Álvaro Cunqueiro, Carvalho Calero ou Neira Vilas; inda quedan moitas máis epístolas por lle dar luz. Non hai dúbida de que a Francisco Fernández del Riego tamén lle podemos apoñer a faceta de epistológrafo, a de ‘persoa que se distinguiu en escribir epístolas’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir