esmorga

Fotograma da adaptación cinematográfica d’A esmorga do director Ignacio Vilar

O autor ourensán Eduardo Blanco Amor, nado o 14 de setembro de 1897, consagrouse como unha das figuras máis importantes da literatura galega con A Esmorga, obra publicada por primeira vez en Buenos Aires no ano 1959. A novela narra as andainas de tres amigos; o Cibrán, o Bocas, e o Milhomes, nun día de troula que remata… Se aínda non sabedes como, a que agardades para lela! A historia marcou un fito na narrativa galega, pero canto sabemos do termo que lle dá nome?

Vencellada á fala coloquial, a palabra “esmorga” ten a súa orixe no latín amurca, que significa ‘bagazo de oliva’ e aparece definida no dicionario da Real Academia Galega como “diversión buliciosa e esaxerada”. Trátase, ademais, dun termo exclusivo da lingua galega que non comparte con ningunha das dúas linguas máis próximas; nin co castelán, que conta con parranda, nin co portugués, que emprega borga, taina ou patuscada e outras palabras, entre as que se encontra pândega, coincidente neste caso coa forma galega.

Esmorga é hoxe unha voz ben coñecida no territorio galego, poida que incluso empregada grazas ao éxito da novela de Blanco Amor, mais o seu uso parece provir da variante dialectal da área lucu-auriense, que concorda coa fala do autor, e cuxos trazos máis característicos tamén aparecen reflectidos na lingua da novela.

A repercusión d’A Esmorga foi tal que non só se traduciu a moitas outras linguas como o francés (La noce) ou o inglés (On a bender). Tamén foi levada ao teatro e á gran pantalla. A primeira vez que se adaptou ao cine foi no ano 1977 cun guión do propio Blanco Amor e baixo a dirección de Gonzalo Suárez. A segunda e máis recente foi o proxecto dirixido por Ignacio Vilar no ano 2014.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir