esperanto

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O esperanto.

Unha infancia convivindo cunha poboación moi heteroxénea no cultural e no lingüístico (xudeus, polacos, rusos, alemáns e bielorrusos), foi o terreo aboado para que Lázaro Zamenhof, oftalmólogo polaco cun especial talento para as linguas, concibise o esperanto. En 1887, publica La lingvo internacia (A lingua internacional) baixo o pseudónimo Doktoro Esperanto, o doutor esperanzado. Nela, Zamenhof dá a coñecer ao público un novo sistema lingüístico que se ofrecía como auxiliar para a comunicación internacional, un código neutral para se entenderen os habitantes do planeta.

O léxico do esperanto constrúese a partir dunhas raíces invariables -en orixe 917- engadindo diferentes afixos, o que lle dá unha marxe moi grande de creatividade, sempre que a derivación se faga sen contradicir os principios fundamentais previstos por Zamenhof na Plena Gramatiko (Gramática Completa), os Ekzercaro (Exercicios) e mais o Universala Vortaro (Diccionario Universal). Para nós, non debería resultar difícil aprender as palabras do esperanto xa que a gran maioría procede do latín, ben directamente, ben a través das evolucións romances, principalmente do francés e o italiano. Deste xeito, o que desde o noso punto de vista supón unha vantaxe comunicativa foi criticado porén polos falantes nativos de linguas non indoeuropeas, que se sentían prexudicados á hora de aprender o idioma. Outra das críticas que se lle fixo ao esperanto partiu da lingüística de enfoque feminista, poñendo de relevo que boa parte das palabras raíz referidas a seres humanos tiñan xénero gramatical masculino, de xeito que para formar o feminino habería que engadir unha terminación específica, o mesmo que acontece na nosa lingua, cando de xuíz derivamos xuíza ou de profesor, profesora, por poñer dous exemplos.

Desde a súa orixe a finais do XIX ata a actualidade, a popularidade e difusión do esperanto variou, pero neses máis de cen anos foi paulatinamente gañando terreo. Hoxe en día calcúlase que hai máis de 10.000 obras traducidas desde 40 idiomas e, en internet,  o servizo Google translate incorporouno en 2012 á súa listaxe de linguas. Na actualidade, a defensa e difusión do esperanto desenvólvese a través de diferentes asociacións e federacións, entre delas, a Universala Esperanto-Asocio, organizadora anual, desde 1920, do Universala Kongreso de Esperanto, que en 2015 se celebrará na cidade francesa de Lille.

 

Algúns exemplos de tradución ao esperanto:

eu: mi

casa: hejmo

comida: nutraĵo

terra: tero

amigo: amiko

adeus: adiaŭ

día: tago

mar: maro

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir