estantiga

Desde xa non se sabe cando ao final do mes de outubro festexabamos o #samaín. Un evento de orixe celta co que se celebraba a fin das colleitas, pero tamén o comezo do inverno e con el o novo ano celta (Samhain). Coidaban que neses días os espíritos deambulaban cara ao máis alá. O cristianismo, unha vez máis, recolleu unha festividade pagá e converteuna en propia, e así aparece o día de todos os Santos (1 de novembro).

Os galegos e as galegas temos moi arraigado o respecto ás aparicións grazas á lenda da Santa Compaña ou estantiga, que é unha sorte de “procesión de almas en pena que percorre de noite os camiños” e que calquera pode bater con ela a noite do samaín, entre outras. Este grupo de mortos ou de almas en pena vai ataviado cunhas túnicas negras con carapucha e vaga polos camiños durante a noite. Cada fantasma porta unha candea prendida, e por onde anda deixa cheiro a cera ou a incenso no ambiente.

A denominación Santa Compaña fai referencia ás ánimas condenadas que non dan co paso ao paraíso e que se fan acompañar por un vivo portador dunha cruz ou unha candea. Se es escollido para encabezar a procesión, parece ser que acabas morrendo de esgotamento físico aos poucos días. O xeito de escapar é tirarse ao chan e rezar, saír fuxindo ou poñerse ao abrigo dun cruceiro. A esta banda fantasmal (a santa compaña) o Dicionario outórgalle un sinónimo, o termo estantiga. Este vocábulo ten como posible etimoloxía a frase latina hostis antiquus ‘inimigo antigo’. Para Menéndez Pidal relacionaríase co demo, que sería o ‘inimigo antigo do xénero humano’; pero Carolina Michaëlis prefire relacionar esta hostis antiqua coa idea dunha serie de pantasmas perseguidoras dun vivo.

Unha segunda acepción que posúe estantiga é a de “aparición, visión fantasmal”, onde aparece como sinónimo o substantivo estadea. Corominas considera que esta voz podería estar relacionada con estadal ‘candea mortuoria’, ou cun adxectivo estadío ou estandío, ou que mesmo podería tratarse dun xermanismo sen determinar.

Dependendo das versións da lenda da Santa Compaña a estadea pode referirse a unha muller que encabeza a procesión e acompaña os defuntos ao outro lado, ou ben a unha aparición fantasmal que percorre en solitario os montes e os camiños despois da medianoite. A denominación do personaxe espectral acabou dando pé a un uso figurado da voz para aplicarllo á “persoa alta e seca que parece un fantasma”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir