Houbo unha vez un adestrador de fútbol coñecido polos seus éxitos deportivos pero tamén por unha frase que lle berrou a un xornalista: sempre negativo, nunca positivo!!! Pois tiña razón: a vida lévase moito mellor cunha actitude positiva e isto non é só un xeito de enfocar a existencia senón unha realidade científica.
No ámbito da psicoloxía primeiro, e posteriormente na lingua do común, popularizouse un neoloxismo que se recolle no Dicionario: estrés “estado de angustia, nervios etc., do que está esperando algo ou nunha situación que o propicia”, ao redor do que xorden derivados como o verbo: “esta situación estrésame moito” ou o adxectivo: “os factores estresantes que actúan sobre alguén”. Téndese a outorgarlle un matiz negativo cando, en realidade, é un mecanismo de alerta do corpo para resolver situacións difíciles, que lle permitiu ao ser humano evolucionar e sobrevivir ao ataque de inimigos.
O termo euestrés (eustress) xorde a mediados do século XX, acuñado polo austríaco Hans Selye (The stress of life, 1956), sobre os traballos previos do psicólogo norteamericano Richard Lazarus. Detrás do vocábulo temos o prefixo grego eu– que significa ‘bo’ –o mesmo formante que atopamos en eufonía (son agradable) ou en eutanasia (boa morte) – máis estrés, do inglés stress, que na física, onde se empregou inicialmente, significa ‘a tensión que soporta un corpo antes de deformarse’ e logo foi adoptado pola psicoloxía.
Propiamente dito, o euestrés non é un subtipo de estrés senón máis ben a recompensa ao manexo adecuado dunha situación de presión, aproveitando o estado de alerta física e mental para resolver con eficacia o conflito que o desencadeou. En palabras de Selye é “como o tomes” o que determina en último caso se un pode adaptarse ao cambio de forma exitosa.
Como correlato negativo, xorde o distrés –que son as consecuencias nocivas para o organismo dunha situación de tensión mal administrada– creado co prefixo heleno dis– que denota ‘imperfección’ ou ‘dificultade’, como se ve nos termos dispnea (dificultade na respiración) e distocia (parto difícil).