
Representación artística dun exoplaneta semellante á Terra. © NASA/Ames/SETI Institute/JPL-Caltech
Está previsto que na próxima edición do Dicionario se inclúa como entrada o termo exoplaneta, que terá como definición algo parecido a “corpo celeste similar a un planeta, que orbita arredor dunha estrela fóra do sistema solar” ou outra equivalente. Trátase dun termo de uso recorrente no ámbito científico e, dado que non resulta problemático nin a nivel morfolóxico nin tampouco semántico, é previsible que se asente definitivamente no léxico da especialidade. Segundo os cálculos máis recentes –outubro de 2016–, polo de agora hai 3.532 exoplanetas rexistrados, desde que en 1995 se producise a primeira confirmación oficial, a de 51 Pegasi b.
O novo termo orixínase da prefixación de exo-, que significa ‘exterior’, á palabra planeta, que procedería dun adxectivo que os gregos da antigüidade empregaban co significado de ‘errante, vagabundo’(debido a que se movían polo ceo nocturno, en contraste coas estrelas, que eran fixas), derivado do verbo planáo, planaszai, que significa ‘desviarse do camiño certo, extraviarse’; engádese o sufixo –(e)ta, que se utiliza para formar nomes denotando estados e que aparece noutros helenismos como poeta, profeta, cometa ou en iconoclasta e baptista. Cómpre considerar, porén, que a Unión Astronómica Internacional define os planetas só respecto ao Sol, polo que ironicamente un exoplaneta non é un planeta no seu sentido técnico.
Nos medios de comunicación, apareceron recentemente noticias relacionadas co denominado KOI-4878.01, un exoplaneta cunha masa e un raio análogos aos da Terra, e outras características (temperatura, densidade, gravidade) que fan que o seu IST (Índice de Similitude coa Terra) sexa do 98%. A súa localización está fóra do sistema solar, a máis de mil anos luz de distancia, orbitando unha estrela anana amarela, da que mantén a separación suficiente como para que fose posible a presenza de auga líquida na súa superficie, unha condición necesaria para que se tratase dun lugar habitable potencialmente.