facedores

Se simpatizamos coa tendencia do “faino ti mesmo” pode resultar máis doado achegarnos a unha nova cultura que baseada nesa idea utiliza a tecnoloxía, busca a innovación e promove o coñecemento aberto: o movemento dos facedores (The maker movement). Para eles non se trata só de ser creativos, senón de trasladar as ideas á realidade volvéndoas algo tanxible.

Tendo en conta isto, parece acaído o termo facedor, derivado de facer e este resultado da evolución do verbo latino facere, para trasladar o inglés maker. E é que facedor é, en xeral, aquel que realiza algo, non importa o que, moi próximo ao sentido da palabra inglesa, que se utiliza frecuentemente nesa lingua combinado con outro substantivo para denominar a persoa que fabrica algo ou a máquina que serve para elaboralo, dun xeito que se podería comparar ao noso sufixo –eiro (cheese maker ‘queixeiro’, clock maker ‘reloxeiro’).

A cultura facedora alicérzase, pois, sobre unha base tecnolóxica, pero, a diferenza da dos hackers, está máis interesada nos obxectos físicos e na creación de novos recursos. Sitúase na liña do construtivismo pedagóxico, xa que parte do principio de que se aprende facendo e está centrada nas habilidades prácticas. Ademais, a xente deste movemento pon en conexión eidos tradicionalmente afastados como a informática e a artesanía. E, como se considera sumamente positivo compartir e intercambiar coñecementos, contan con espazos virtuais e publicacións, pero tamén con feiras onde exhiben os seus logros. No país xa se celebraron algunhas como se pode comprobar revisando o arquivo da web makerslugo.org, activa desde decembro de 2013.

A principios do século XX o filósofo francés Henri Bergson acuñaba o concepto do Homo faber, que utilizaba para explicar a posición privilexiada dos humanos entre os demais seres do planeta que, segundo este pensador, veu dada pola busca e fabricación dos apeiros precisados para valerse no medio natural. Parece evidente que estamos ante unha nova fase deste proceso, axudado agora, en gran medida, pola ferramenta insignia dos facedores: a impresora 3D. Xa deixou dito Bergson que a intelixencia consiste na facultade de fabricar útiles e de modificalos indefinidamente e, engaden os facedores, se podes imaxinalo, podes facelo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir