Hoxe en día hai información a cachón accesible na Internet, o que fai que poidamos saber un chisco de case todo. Xorde unha dúbida, aló imos a un coñecido navegador e malo será que non atopemos algunha páxina que acougue a inquedanza xurdida da nosa ignorancia. Pero iso non nos converte en peritos de nada, nin expertos sisudos… sácanos, simplemente, dun apuro. Porén hai espazos de comunicación nos que as persoas que acoden alí dan a súa opinión sobre case todo, e mesmo sentencian con vehemencia. Neste punto principia a controversia, xa que, é posible saber de todo sen ser especialista? Non temos a resposta, pero si unha familia de palabras sobre a que falar para referírmonos a este fenómeno.
As voces en cuestión non son fáciles de pronunciar: ultracrepidarianismo e ultracrepidario, que se definen como ‘a actitude de opinar sobre calquera cousa sen ter coñecementos de case nada’ e ‘o que opina sen saber’. A súa orixe reside na expresión latina sutor, ne supra crepidam. Plinio o Vello atribúea ao pintor da antiga Grecia Apeles, quen, cando un zapateiro lle aconsellou retocar o calzado de alguén no seu cadro, agradeceu o consello xa que partía dun entendido, mais cando as críticas foron máis alá, daquela sentenciou: zapateiro, non [comentes] por riba das sandalias.
O concepto lexicalizado foi empregado por primeira vez en inglés polo ensaísta William Hazlitt (1778-1830), quen cualificou de ultracrepidarian un editor crítico coa súa obra que o xulgaba sen saber moito do tema. Na actualidade, o termo recolle unha acepción máis, porque non só se refire a falar do que non se ten coñecementos abondos, senón que tamén se emprega para sinalar ‘a fachenda coa que as persoas que opinan se manifestan sendo conscientes de que son manifestos ignorantes’.
Recentemente comezamos a atopar o vocábulo rexistrado nalgunhas obras lexicográficas do inglés, do francés e tamén o atopamos no italiano. Mais nós hai ben tempo que temos equivalentes para o concepto e tamén para a actitude desta xentiña tan sabida e moi pagada de si mesma. Sonvos os falabarato, de toda a vida! Sempre os houbo, aínda que non tivesen unha canle de vídeo ou unha cadeira nunha televisión para a difusión das súas lerias.
A fraseoloxía tamén ten ben retratadas estas persoas. Quen non lle dixo a un colega de traballo ou de taberna cando fala do que non sabe que o falar non ten cancelas? Aínda que é ben sabido que, como non somos quen de lle coser a boca a ninguén, cadaquén ha dicir o que lle pete, por moito que sexa unha barbaridade. Claro que sempre podemos recuperar o consello dos vellos que sostén aquilo de que por falar pouco, nada se perde, por escaso éxito que teña agora que se leva coleccionar gústames e rende máis botar a lingua a pacer, aínda que sexa sen moito tino.
En relación con todo isto, cómpre lembrar tamén que o Dicionario nos di que os fanfurriñeiros, -as e os farfantóns, -onas son as persoas ás “que lles gusta presumir dunha calidade ou mérito, independentemente de que en realidade os teña”. Daquela sóbrannos termos e locucións patrimoniais, sen termos que botar man dunha palabra que á maioría da nosa xente lle resulta estraña.