faladoiro

Na composición aparece un debuxo de Seoane no que retrata a Fernández del Riego entre outros pertecente á Fundación Luis Seoane

O autor de Lourenzá, logo de ser un brillante estudante no bacharelato e aprobar a reválida, marchou a cursar estudos universitarios a Madrid en 1930. Alí recibe con entusiasmo a República, le os escritos nacionalistas de Vicente Risco, frecuenta xuntanzas e faladoiros da capital, entre eles o que lideraba Valle Inclán; alí é cando esperta a conciencia galeguista en Francisco Fernández del Riego.

Mais, sen dúbida ningunha, a súa participación activa na política desenvólvese en Compostela, a onde se muda con toda a súa familia para rematar Dereito e comezar Filosofía e Letras. Nese tempo, grazas a Lois Tobío que o fai partícipe do ambiente político e cultural compostelán, entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos e afíliase ao Partido Galeguista. É un tempo de actividade intensa no que colabora cos xornais de ideoloxía galeguista como El Pueblo Gallego, Alento, Nós e Galicia, tamén dirixe, inda que por pouco tempo, A Nosa Terra. Asemade acode aos diferentes faladoiros que xurdiron naquela altura en Santiago de Compostela. Para el tiña particular importancia o que había na editorial Nós do editor e amigo íntimo Ánxel Casal, onde coincidían Díaz Baliño, Luís Seoane, Fraguas, Carballo Calero, Luís Manteiga ou López Durá… En lembranza da grande amizade que os uniu e para reivindicar a importancia da súa figura para o libro escrito en galego publicou en 1983 Ánxel Casal e o libro galego. Tras a contenda do 36, xa en Vigo, a onde se viu na obriga de mudarse ao finalizar o conflito, nunha casa á beira da praia en Coruxo, comparte reunións e conversas cos galeguistas do exilio interior. Ao mesmo tempo, D. Paco frecuenta varios faladoiros da cidade olívica como os do café Derby ou o do Suevia.

Un faladoiro é a reunión de determinadas persoas, que poden provir dun mesmo lugar ou dunha mesma profesión, para conversar ou comentar temas de actualidade ou de particular interese. Estas xuntanzas adoitan ter unha periodicidade e unha sede informal, que posibilita que vaian persoas como oíntes dos debates que se desenvolven entre as persoas participantes. Lingüisticamente faladoiro fórmase por derivación mediante o sufixo patrimonial -doiro (creador de substantivos deverbais que indican lugar onde se realiza unha acción) sobre o verbo falar que, na súa terceira acepción, significa “manter un diálogo, unha conversa.”; este vocábulo remite ao étimo latino fabulari, voz que significaba ‘conversar’ ou ‘entreterse conversando’ creado sobre fabula ‘conto’, ‘rumor’, ‘conversa’.

Unha palabra próxima ao vocábulo exposto é parladoiro. O termo fórmase dun modo semellante ao de faladoiro, toma como base o verbo de orixe occitana parlar que provén do latín tardío parabolare que deriva de parabola ‘proverbio’ ou ‘parábola’. Este vocábulo vincúlase ao ámbito da construción. O parladoiro designa a ventá que conta con asentos adheridos ás paredes verticais pensados para sentar e poder falar con outra persoa que senta enfronte, e a circunstancia motiva a forma do termo. Na construción galega tradicional este tipo de asento atópase, sobre todo, nas casas grandes, nos pazos, nos castelos e nalgunhas vivendas. Acostuman estar nas ventás da sala de respecto ou da cociña; sempre no sobrado da vivenda. Logo por metonimia xorde a segunda acepción “xuntanza de dúas ou máis persoas para falaren dun tema”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir