faldriqueira

Non hai moito tempo era un perigo levar os cartos enriba, ninguén estaba libre dun atraco á volta dun camiño cando se volvía da feira ou de facer un negocio. Hoxe estamos para outro tanto, inda non nos libramos dos ladróns, por mais que as transaccións económicas importantes se poidan xa efectuar de xeito electrónico e non levemos enriba de nós grandes cantidades de diñeiro físico. Daquela tiña toda a razón de ser o uso das faldriqueiras ‘peto que levaban as mulleres na parte interior da saia, ou ben solto atado á cintura, usado normalmente para gardar os cartos’, que resultaban de difícil acceso para o ladrón pola súa localización agochada. O caso é que esta faldriqueira tradicional foi perdendo uso, e case quedou reducida a unha peza na vestimenta propia do traxe tradicional. Pero, no galego actual, esta non é a única acepción de faldriqueira, palabra que agora vive unha segunda mocidade!

A fins do século XX xorde a primeira actualización deste obxecto. Para sermos modernos e, sobre todo, urbanos tiñamos que levar pendurado do van un bolso mans (e ombreiros) libres. Logo foi estigmatizado como aquilo que só empregan os turistas e os feirantes, mais na actualidade, dado que non somos ninguén se non levamos canda nós as chaves, as tarxetas e, sobre todo, o teléfono móbil, atopámoslle utilidade de novo. E o Dicionario, que está no cabo do conto, incorpora unha nova acepción a esta voz: “bolsa pequena unida a un cinto, que se cingue á cintura e onde se levan obxectos persoais de pequeno tamaño”. Atopamos na fala tamén a variante fonética faltriqueira, que non é incorrecta, pero é menos recomendable que faldriqueira.

A procedencia da palabra é tan difícil de explicar como ver a faldriqueira debaixo da saia e o mandil tradicionais. Hai estudosos que a fan derivar do termo faldra, que chega desde o equivalente franco *falda ‘pregue’ ou ‘dobra’, que se pode rastrexar noutras linguas como o alemán antigo falt; e o inglés medio fald; e hai quen pensa que entrou no noso idioma a través do catalán. Ouros coidan que é un continuador do mozárabe *hatrikáyra ‘lugar para as bagatelas’, que se empregaba para suplir a ausencia de petos na indumentaria.

As linguas da contorna para designar este concepto buscaron diferentes solucións. En alemán podemos atopar dúas denominacións: gürteltasche, que fai referencia a ‘un bolso cun cinto’, e Nierentasche, que indica a localización deste, xa que significa ‘bolsa do ril’. En inglés atopamos bumbag e fanny pack, considerados formas coloquiais das variantes británica e americana do termo money belt, o cinto onde se gardan os cartos. En francés, rexístrase a forma (sac) banane, que se basea nunha analoxía entre a forma do bolso e da froita. En portugués o termo rexistrado é pochete, préstamo do francés. En italiano empregan marsupio buscando a semellanza coa bolsa de animais como os canguros ou os coalas. E en catalán e castelán botan man de ronyonera e riñonera.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir