Cantas veces non teremos escoitado iso de que tal país é un estado falido (ou algo parecido, como veremos a seguir). Sudán do Sur, Afganistán, Haití… mesmo se ten falado de Grecia nese sentido. A esencia do concepto é antiga, mais ten unha formulación moderna. Max Weber foi o primeiro que definiu o concepto de estado falido: aquel que non é quen de manter o monopolio lexítimo da forza. A formulación é controvertida e provoca disensións, de feito, Noam Chomsky profundou no tema e fixo unha revisión crítica do concepto, cotexando as políticas seguidas polos EE.UU. e as súas consecuencias para o resto das nacións. É dicir, que ás veces “fales” e outras “fanche falir”. Na actualidade, o termo convive con outro: estado fráxil. Esta fórmula describe un estado soberano que non é quen de garantir os servizos básicos ao seu pobo, non ten o control do seu territorio, presenta altas taxas de criminalidade e corrupción, burocracia abondosa e ineficacia xudicial.
Segundo o Dicionario, falido é o participio pasado do verbo falir, que ten como sinónimo, en todas as súas acepcións, fallar. Esta sinonimia é a que nos podería ocasionar confusión na atribución dun e doutro, mais é ben lembrar que o participio de fallar é fallado e de falir, falido. Se seguimos remexendo no Dicionario, descubriremos outros membros da familia léxica, como falimento “acción e efecto de falir” e mais parentes literarios como o adxectivo falible “o que pode equivocarse” e o seu antónimo infalible “que non pode fallar, que non pode ter fallos”, de onde tamén falibilidade “calidade do que é falible” e o contrario infalibilidade.
A orixe última do verbo falir e todos os seus derivados radica no verbo latino fallere que significaba ‘enganar’, ‘levar ao erro’.