fariña

A fariña é o sustento da humanidade dende xa non se acorda. O Dicionario defínea como o “po que se obtén ao moer os grans de certos cereais, quitándolles o farelo ou relón”, un alimento que xa consumían os nosos antepasados na Prehistoria. Pero unha mesma palabra pode designar realidades moi distintas. É o caso da acepción de fariña incorporada hai seis meses ao Dicionario da RAG, un claro exemplo de como os neoloxismos non só definen cousas novas, senón que tamén poden xurdir con propósitos criminosos.

A nova acepción de fariña refírese á “substancia orgánica que se extrae das follas da coca e que, polas súas propiedades, é usada como narcótico ou en anestesias”. Estamos a falar da incorporación do emprego coloquial do termo para designar á substancia coñecida como cocaína, droga ilegal en maior ou menor grao en case todos os países do mundo. Precisamente por este motivo os distribuidores e os consumidores comezaron a empregar un termo que permitía falar da substancia dun xeito encuberto. É evidente que a denominación é froito da semellanza física entre os dous produtos. Outro termo propio da xerga sería farlopa, pénsase que o vocábulo remite ao galego folerpa, “cada unha das porcións de auga conxelada que caen cando neva”, disque unha das alucinacións que produce o consumo da droga é ver luces de neve, mais hai quen vincula a palabra coas falas marxinais do sur de América.

A explicación da orixe galega destas palabras está en que a finais do século XX se deron en Galicia unha serie de circunstancias loxísticas e xeográficas que propiciaron que o tradicional contrabando de tabaco fose substituído polo narcotráfico. O primeiro vocábulo, contrabando, e tamén contrabandista, procede dun termo italiano contrabbando, que significaba practicamente o mesmo, ‘importación e exportación de mercadorías sen pagar dereitos’. Porén, narcotráfico e o derivado narcotraficante son neoloxismos xurdidos nas fins do século XX procedentes do inglés narcotraffic, variante curta de narcotictraffic, ‘tráfico de narcóticos’. Creáronse tamén os clans, termo adaptado do equivalente inglés clan ‘tribo’ e que, en esencia, fai referencia a clann, que en gaélico fai referencia ao ‘fillos’ e á ‘familia’. Estes convertéronse en familias de delincuentes que dominaron as zonas costeiras porque chegaron a ter un poder moi importante. Esta circunstancia propicia a creación de argot na lingua que empregaban e logo a súa popularización. Fariña é unha desas palabras que máis callou na linguaxe e, de feito, foi a escollida polo xornalista Nacho Carretero para titular o libro que recorda aquel fenómeno. O termo recobrou actualidade hai unhas semanas polo secuestro xudicial da obra e a estrea dunha serie televisiva baseada nela.

A cocaína procede dunha planta cultivada polos incas como planta medicinal. Foi illada por Albert Niemann no século XIX e a partir deste momento comezou o seu emprego medicinal como sales anestésicos, inda que tras uns primeiros momentos de entusiasmo, reflectidos no libro de Sigmund Freud: Über Coca, deseguido descubriuse o tremendo efecto aditivo. Hoxe a cocaína está identificada pola Organización Mundial da Saúde como un importante problema polas consecuencias médicas, psicolóxicas e sociais que produce o seu consumo. No filolóxico, cocaína é unha composición do termo do quechua kuka, nome da planta da que se extrae a substancia, e o sufixo –ina, formador de substantivos femininos que nomean produtos farmacéuticos e químicos: cafeína, teína, quinina ou pepsina.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir