Houbo un tempo no que o mundo da ciencia e da universidade estaba vetado ás mulleres. Pero na primeira metade do século XIX houbo unha moza ferrolá que non se resignou a aceptar este veto. Daquela vestiuse de home e comezou a asistir a clases de Dereito na Universidade Central de Madrid como ouvinte. Ela era Concepción Arenal, nada hai douscentos anos e precursora no proceso de feminización dos estudos universitarios. Ben é certo que tivo que ser ás agachadas, xa que a primeira muller que se puido matricular oficialmente nunha universidade española tivo que agardar a 1872, e precisou ademais un permiso especial das autoridades. As barreiras legais que arredaban as mozas dos campus caerían finalmente en 1910, pero a presenza feminina nas aulas universitarias tardaría moitas décadas en facerse notable.
O termo feminización é un substantivo abstracto que deriva do verbo feminizar, que á súa vez remite ao termo latino femina ‘muller’. Segundo o Dicionario, designa o “proceso mediante o cal aumenta a presenza ou relevancia da muller nun determinado ámbito ou práctica”. A aparición deste termo xorde da evolución da sociedade, na que a muller accedeu a ámbitos inalcanzables ata hai pouco. O ensino superior é un deles. Hogano nas aulas das facultades non nos sorprende a presenza de alumnas, inda que a festa será completa cando elas sexan máis nas enxeñarías e eles se acheguen sen que nos abraie ás que se dedican ao coidado.
Estase facendo camiño, inda que amodo, xa que a feminización debería acadarse tamén nos postos de responsabilidade na política (candidatas á presidencia dos diferentes gobernos), na banca e nos consellos de administración das empresas que cotizan no IBEX 35. A muller e a visión feminina é necesaria para acadar a igualdade entre homes e mulleres.
A segunda acepción de feminización refírese ao “paso de xénero masculino ou neutro a feminino”. Dado que a lingua e o seu uso non é inocente, o emprego da flexión de xénero axuda á consolidación dunha nova realidade, a das enxeñeiras, cirurxiás, capitás ou dos enfermeiros e os coidadores.
A feminización é o xeito de visibilizar “facer visible” a metade da poboación mundial. Tanto para indicar o seu apoderamento nas novas circunstancias, como para denunciar cando constatamos que a pobreza e a precariedade está sendo feminizada.