fenda de xénero

Chegados ao segundo cuarto do século XXI, semella que as nacións non foron quen de diminuír abondo as diferenzas xurídicas entre homes e mulleres. Hoxe en día, no 2026, as mulleres non conseguen acceder en condicións de igualdade aos dereitos xurídicos dos que gozan os homes, e as diferenzas son maiores ou menores segundo o lugar no que habiten. Así en ámbitos fundamentais da vida, como o laboral ou o económico, algunhas lexislacións desfavorecen sistematicamente as mulleres. Estas baten con trabas moi arraigadas, e mesmo se están a observar retrocesos no camiño cara á paridade. De seguir por este camiño, semella difícil selar as fendas abertas froito das desigualdades que padeceron unhas e que favoreceron aos outros.

O mencionado é a consecuencia da fenda de xénero, que o Dicionario define como a “situación de desigualdade entre homes e mulleres nun determinado ámbito, na que o colectivo feminino é o grupo con menos recursos”. Esta locución créase no ámbito da socioloxía para amosar a disparidade entre homes e mulleres en canto a dereitos, recursos ou oportunidades. Obsérvase no ámbito da educación, nalgunhas sociedades as mulleres só acceden ao ensino básico; na saúde, ata hai nada a investigación en medicina e os tratamentos médicos eran ditados con parámetros masculinos; na política, aínda non hai paridade nos parlamentos; e no ámbito económico e laboral, onde as desigualdades son notorias. A unidade fraseolóxica sinalada foi empregada inicialmente nos anos oitenta do século XX por Eleanor Smeal en inglés: gender gap. Esta imaxe metafórica da separación que se chega a crear entre uns e outras foi adaptada polas outras linguas paulatinamente. Deste xeito en francés adaptouse como écart de genre; en italiano, divario di genere; en castelán brecha de género; en catalán bretxa de gènere; en portugués, fosso entre géneros; e en galego optouse por fenda de xénero. A voz fenda, a “abertura ou separación alongada e de anchura uniforme na superficie dunha cousa”, é un derivado regresivo do verbo fender que procede do latino findĕre, ‘fender’, ‘abrir’ ou ‘separar’, que admite complementos diversos para diferenciar o ámbito ao que fai referencia: de xénero, dixital ou tamén salarial.

A fenda salarial é aquela que discrimina as mulleres durante a súa vida laboral e, logo, tamén na xubilación, xa que, ao cotizar menos, a pensión é menor. Atopamos exemplos desta disparidade na nosa propia sociedade, dado que se estima que as mulleres galegas traballan de balde ao redor de 82 días ao ano en comparación cos homes. Os informes publicados polos sindicatos en febreiro de 2026 indican que hai unha fenda salarial do 17’7%, que se traduce en que perciben unha media de 4.706€ anuais menos ca os homes.

Por outra banda, a escasa presenza destas en postos de dirección e nos sectores emerxentes, onde as retribucións son maiores e máis parellas, non diminúe a devandita fenda. A explicación atopámola na existencia dos teitos de cristal, esa “barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización”. Unha metáfora, que emprega o substantivo cristal para simbolizar que os atrancos cos que se atopan as mulleres no ascenso profesional son aparentemente invisibles. Neste contexto son pertinentes as lexislacións referentes ás cotas de xénero que perseguen garantir a equidade no acceso a postos de poder, mellor remunerados e que promoven a igualdade de oportunidades.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir