
Carballo Calero por Siro López. Agradecémoslle ao artista esta imaxe e a súa adaptación para o Portal das Palabras
Don Ricardo Carballo Calero, malia que se licenciou en Dereito, sabíase un home de letras. Velaí a explicación de que estudara Filosofía e Letras por libre e que a súa traxectoria vital fose encarreirada á docencia, á investigación e á creación literaria, afastándose dun perfil profesional como xurista.
O homenaxeado das Letras Galegas 2020 foi, sen dúbida ningunha, polifacético que significa “persoa que ten diversas aptitudes, que destaca en varias actividades ou que se dedica a diversas cousas”. Resulta complexo encadrar Ricardo Carballo Calero nunha soa faceta, xa que ao longo da súa vida destacou en moitas. Se nos quedamos coa percepción que tiña de si mesmo, é un poeta. Para os historiadores destaca como activista político; os profesionais do ensino salientan o seu labor como profesor, no mundo literario é innegable o seu papel como autor e crítico; e no Portal das Palabras cremos que é tamén un filólogo!
O termo filólogo, -a é un cultismo que se define como a “persoa especialista ou versada en filoloxía”. É unha creación froito da reunión de dous formantes de orixe grega philos- que significaba ‘amigo’ e –lógos que se refería á ‘linguaxe’, ‘proposición’, ‘idea’ ou ‘obra literaria’. Xa atopamos este vocábulo no propio latín philologus, que remitía á palabra helena philólogos, para referirse ao ‘afeccionado ás letras’, ou tamén ‘o erudito’, particularmente na linguaxe. Os dous elementos que integran esta palabra son ben coñecidos, e forman parte de moitas voces cultas como filantropía e filatelia ou biólogo, -a e cardiólogo, -a.
Volvamos á filoloxía. Segundo o Dicionario, é a “ciencia que estuda a lingua e a literatura dun pobo ou dun grupo de pobos a través dos textos escritos”, e tamén a “ciencia que se ocupa de fixar, reconstruír e comentar os textos literarios”. O traballo e a obra de Carballo Calero ao longo da súa vida é pura filoloxía en calquera das dúas acepcións que a definen. É o investigador que redacta a Historia da literatura galega contemporánea (1963), a primeira gran publicación sobre o tema que lle dá nome e que rescatou do esquecemento moitas obras da nosa literatura. Na vertente lingüística foi o primeiro catedrático de lingüística e literatura galegas na USC, e encargouse de redactar a Gramática elemental del gallego común (1966) que foi o manual de referencia para as xeracións que estudaron galego aínda na ditadura. Elaborou ademais un estudo das características da lingua de Rosalía, Pondal e Curros e, dalgún modo, foi o primeiro en sinalar os seus trazos dialectais. Don Ricardo fai súa plenamente, en definitiva, a etimoloxía da palabra filoloxía, que en latín significaba ‘amor ás letras’; pero tamén o da primixenia grega philología ‘gusto pola conversación’.