fitar

Fita aquel branco galán

olla seu transido corpo!

É a lúa que baila

na Quintana dos Mortos.

Federico García Lorca, “Danza da lúa en Santiago”

Se cando un olla pon máis interese que cando mira, e moito máis que cando simplemente ve, probablemente o xeito máis comprometido de empregar o órgano da vista é fitar. Literalmente fitar é “mirar fixamente”, que é o mesmo que mirar de fito a fito, é dicir dun punto (o observador) a outro punto (o observado), sendo fito orixinalmente unha desas pedras que se calcan no chan como marco ou sinal quilométrico. O termo, que procede do latín fictus, participio pasado do verbo figere ‘cravar no chan’, comparte orixe con fixar “poñer a atención, a mirada etc., en algo ou alguén”. O dicionario de Valladares agasállanos coa expresión ollos fiteiros, aqueles dos que é difícil escapar.

Nós fitamos o verbo fitar porque tal día coma hoxe, o 25 de outubro de 1916, produciuse un fito, “momento ou feito de importancia”, na biografía de Federico García Lorca. Naquela xornada chegou por primeira vez a Compostela, a cidade que inspirou posteriormente os versos que abren este artigo, nos que semella que o emprego que fai de fitar remite máis a unha plena sinonimia con ‘mirar’ que á significación actual do verbo. Esta visita a Compostela de Lorca irmandouno para sempre coa nosa Rosalía e tamén foi, naturalmente, un fito na nosa cultura pois anosou para sempre o poeta andaluz.

Lorca é un dos nosos máis destacados poetas alófonos. Semella unha afortunada serendipidade que no ano 2018, dedicado a María Victoria Moreno, o Concello de Santiago acorde o nomeamento de Federico como fillo adoptivo e logo, da man da editorial Alvarellos, declare o 25 de outubro como o Día de Lorca en Galicia.

A protagonista do día das Letras 2018 analizou polo miúdo os seis poemas galegos nun artigo publicado na revista Madrygal que adquiriu recentemente a forma de libro en edición conxunta de Galaxia e o Consorcio de Santiago. Ela rexeitou para si a devandita denominación xa que consideraba que a súa relación co galego era unha cuestión de “amorosa autofonía”, pero definiríase Lorca como poeta alófono? Ou concordaría coa homenaxeada das Letras? Podedes xulgar por vós mesmos:

“Al llegar a Galicia (…) me sentí poeta gallego (…). Me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada” (Entrevista a Lorca de José Ramón Lence, El Correo de Galicia, 1932).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir