
Unha empresa ameazada pola quebra ou un país en situación de crise son os mellores escenarios para que aparezan “os voitre”, como se lles chama nos círculos financeiros a aqueles fondos de investimento cunha alta liquidez que aproveitan os momentos de debilidade económica, dunha entidade ou dun estado, para xogar á baixa, mercando a súa débeda e negociando con ela despois.
A expresión inglesa vulture funds foi o punto de partida dun termo que logo se transmitiu a outros idiomas adaptado: os nosos fondos voitre son o equivalente do francés fonds vautour, do italiano fondi avvoltoio, dos fundos abutres portugueses, os fondos buitre do español ou os fons voltor dos cataláns. O sentido da fórmula é metafórico e implica a connotación negativa do termo: o comportamento típico do voitre (do latín vultur, -uris) como ave preeira que paira sobre os corpos agoniantes á espera de conseguir o seu alimento serve para describir a estratexia destes investidores que obteñen beneficio das dificultades doutros, se ben é certo que mentres que o sustento da ave resulta da morte da presa, no caso dos fondos voitre ponse o capital antes de que feneza o obxecto do investimento, fixando as condicións para sanealo e logo poder especular co seu valor no mercado.
“O país suramericano considera que as decisións xudiciais norteamericanas en relación aos fondos voitre violan a súa inmunidade soberana” é un exemplo tirado do servizo de novas da CRTVG o 8 de agosto de 2014. Pódense atopar moitos máis todos os días nos medios de comunicación, informando sobre a actualidade da economía en crise. A difusión desta expresión é tan ampla que xustifica a súa integración plena no idioma polo que non é necesario empregar comiñas nin ningunha outra marca á hora de poñela por escrito.