fractura hidráulica

A dependencia enerxética das sociedades modernas respecto aos hidrocarburos e o alto prezo dos mesmos é a orixe do uso dunha tecnoloxía que comezou a empregarse no XIX pero que, por non ser rendible, non se utilizou de forma industrial e masiva até o século XXI. Falamos dun proceso que podemos definir como ‘a inxección dun líquido a moita presión para que se produzan fisuras no interior da codia terrestre’, que se denomina fractura hidráulica, aínda que, en ocasións, botouse man do termo en inglés, fracking.

A técnica, grazas a cal se obtén gas dos terreos de difícil acceso e menos porosos, situados especialmente baixo capas de xistos bituminosos, consiste en realizar unha perforación vertical até a capa de lousa, para logo continuar en sentido horizontal ao longo dunha distancia de entre un e tres quilómetros. Posteriormente, por medio de explosivos, provócanse pequenas fracturas nas que se inxectan a moi alta presión toneladas de auga mesturada con area e aditivos químicos, conseguindo deste xeito a liberación do gas natural que conteñen este tipo de sedimentos. Mais é ben sabermos que eses aditivos poderían volver á superficie en forma do canceríxeno gas benceno, provocar o paso á atmosfera do metano causante do efecto invernadoiro, contaminar acuíferos ou incrementar a actividade sísmica na zona de extracción –entre outros efectos nocivos–, segundo denuncian as organizacións ecoloxistas.

Fracking é un neoloxismo para a propia lingua inglesa procedente da redución da forma fracturing, do verbo to fracture ‘crebar’. Atopamos /k/ para manter o son oclusivo, sucede noutros derivados semellantes a este como panicking que se forma con panic. O verbo to fracture, igual ca as nosas palabras fractura, fracturación ou fracturamento, viría do latín fractura, derivado de fractus, participio pasado de frangere que significaba ‘romper’.

Debemos considerar fracking un estranxeirismo innecesario xa que existe na lingua un posible equivalente fractura hidráulica, e a probabilidade de crear por derivación novos termos como fracturación ou fracturamento hidraúlico, empregando as terminacións propias para a formación de substantivos a partir de verbos. Tamén poden sernos de utilidade as formas compostas hidrofracturación ou hidrofracturamento. Dado que nas linguas da contorna toman  modelos semellantes: no inglés hydro-fracturing ou hydrofracking; no francés fracturation hydraulique ou hydrofracturation; en italiano fratturazione idraulica ou idrofratturazione e tamén en portugués fraturação hidráulica.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir