furancho

Composición elaborada sobre unha imaxe de Alfonso López na bitácora Recetasderechupete.com

É tempo de vendima, vaise recoller e procesar o viño novo. A fustalla preparada para acoller a nova colleita. Mais nós ocuparémonos dunha voz que non hai moito que está no noso Dicionario e que se vincula cos sobrantes do ano anterior. Trátase do termo furancho que designa aquelas pequenas adegas en casas particulares onde venden o excedente de viño que os propietarios elaboraron para o autoconsumo. Malia seren moi populares nas Rías Baixas froito da súa tradición vinícola, no resto de Galicia non che eran tan coñecidos. Este tipo de locais atopámolos na vivenda privada dos e das propietarias que facían viño coa colleita propia para bebelo ao longo do ano. Pero, cando vían que lles ía sobrar, daquela vendían coma unha taberna o excedente xunto cuns petiscos, elaborados tamén na casa, que se servían como acompañamento da bebida. Este costume semella ser bastante antigo (dise que se coñece desde hai 300 anos). Cando ao colleiteiro lle sobraba o viño do ano anterior tentaba ofrecelo ás tabernas ou penduraba o loureiro para que a veciñanza acudise á casa ou á adega a bebelo traendo comida para acompañar a bebida. Isto desenvólvese entre febreiro e maio para facer sitio á próxima vendima. Estes encontros eran unha maneira de facer comunidade (algo semellante ao que ocorría cos magostos, cos albaroques, coa figadeira ou coa raxoada), porén co paso do tempo estes lugares transformáronse en establecementos comerciais descontinuos, xa que se acabou por vender o viño e as tapas.

O termo furancho non estivo rexistrado no DRAG ata febreiro do 2019. O dicionario defíneo como “local situado no baixo dunha casa ou nunha pequena bodega onde se vende o viño excedente da colleita e no que tamén se serve comida ou a levan os clientes”. É unha palabra creada por derivación mediante a incorporación do sufixo apreciativo –ancho que se aplica ao verbo furar que procede do equivalente latino forare ‘aburatar’. O sufixo apreciativo -ancho aparece a mediados do XIII, e figura no alcume do trobador Airas Corpancho. Parece estar composto de dous sufixos. Un, o sufixo -anco, de orixe prelatina, e outro, o sufixo -ulus. Non son moitos os vocábulos derivados con este sufixo: furancho, ferrancho, borrancho, pero están moi vivos na fala. Semanticamente a voz que nos ocupa remite ao feito de furar os pipos para inserir as billas que permiten a extracción do viño. A outra denominación pola que se coñecen é loureiros, nome común que designa a árbore laurus nobilis proveniente do latín laurum ‘loureiro’, ‘coroa de loureiro’ e, por metonimia, ‘vitoria’. O nome débese ao feito de que se poñía unha póla de loureiro sobre as portas de entrada deste tipo de establecementos.

Outras denominacións que podemos atopar para o lugar onde se despachan bebidas e tapas –sabendo que non se tratan de sinónimos perfectos–, son taberna, baiuca ou tasca. Comparten co furancho o ‘carácter modesto, popular e rústico’; aínda que estes locais non teñen restrinxido o período de apertura e organízanse administrativamente doutro xeito.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir