O étimo de fuso atopámolo no latín fusus,-i e o seu uso estaba ligado ás Parcas, as fiandeiras mitolóxicas que tecían os fíos do destino dos mortais igual ca as Horas, como vén ao caso, eran orixinalmente as personificacións ou deusas da orde da natureza e das estacións. No Dicionario da Academia o termo fuso defínese como un “instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que se estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra”. Trátase do fuso de fiar, e da súa forma partiu a motivación da frase nominal fuso horario, coa que nos referimos a “cada unha das vinte e catro partes en que se divide a superficie terrestre para establecer a hora común a todos os puntos nela situados”.
Se pensamos a Terra como unha esfera na que marcamos 24 liñas imaxinarias -os meridianos– que, pasando polos Polos de Norte a Sur, “dividen” o noso planeta en anacos semellantes aos cuarteiróns dunha laranxa, estaremos visualizando os fusos horarios. Entre eles hai unha separación de 15 graos e unha hora de tempo. A liña de referencia ou meridiano 0 estableceuse a finais do século XIX e pasa sobre o antigo observatorio de Greenwich en Londres.
Os fusos horarios defínense a partir de Greenwich e do UTC (Tempo Universal Coordinado), que se calcula segundo a media ponderada dos reloxos atómicos distribuídos por diferentes observatorios de todo o mundo e sincronízase co tempo medio da localidade inglesa. Se cruzamos un fuso horario en dirección Leste, hai que sumar unha hora e se o facemos en sentido inverso, hai que restala.
Desde a conferencia de Washington de finais do XIX, a Península Ibérica, o mesmo ca Francia e o Reino Unido, situouse no fuso horario occidental, cunha hora menos ca no de Greenwich; mais en 1942, a ditadura franquista nun xesto de simpatía con Hitler impuxo o adianto dunha hora, o mesmo ca os nazis fixeron con territorios ocupados coma Francia, e desde aquela permanecemos nese fuso horario. Segundo algúns expertos isto provoca un desaxuste importante nos nosos hábitos de comida, traballo, sono e lecer. Quizais chegou o momento de cambialo?