glocalización

As palabras que utilizamos teñen un significado de seu, basicamente o que aparece nos dicionarios de lingua. A maiores desas acepcións, cada termo pode expresar outro tipo de significados, que só se entenden cando se coñece o contexto extralingüístico –as circunstancias de tipo histórico, político, socioeconómico etc. – en que xorden. No caso de glocalización, ese marco circunstancial está aludido na propia morfoloxía do substantivo: glocalización é case idéntico na forma a globalización. Nese contexto de exaltación do internacionalismo, a maioría das veces referido ao consumo e a economía capitalista, toda a forza do termo glocalización emerxe de trocar un <b> por un <c>, e é esa mudanza, pequena, a que desencadea a revolución do concepto.

Glocalización é o proceso de integrar os sinais distintivos locais sen refugar a proxección nin a demanda globais. Entre o global e o local  transita o termo, que nace por acronimia das sílabas de ambas as dúas palabras, a primeira de glo-bal mais a segunda de lo-cal. Unha curiosa creatividade léxica que lle debemos ao alemán Manfred Lange –director da Global Change Exhibition de maio de 1990–, quen empregou o termo glocal nunha conferencia sobre ciencia e política. Con todo, o xermolo do concepto non é xermánico, senón xaponés: está contido na palabra dochakuka, que é a expresión nipona desa idea de ‘globalización local’ ou ‘localismo global’, segundo se queira entender. Orixinariamente, aludía ao traballo agrícola, en concreto, ao proceso de adaptación das técnicas en agricultura ás condicións das granxas locais. Nos anos 80, converteuse nun termo de moda entre os emprendedores xaponeses, que o adoptaron para a xerga dos negocios.

En lingua inglesa, a palabra glocalization fíxose popular, nos anos 90, polo ser habitual no ámbito da socioloxía, da man de especialistas como Roland Robertson, Keith Hampton ou Barry Wellman. E desde aí tivo un grande alcance en diferentes linguas e aplicouse a ámbitos diversos, acollendo en cada caso usos e significacións específicas. A un tempo, foise consagrando o emprego doutras categorías, como o adxectivo glocal, ou incluso, aínda que con moita menor presenza, un transitivo glocalizar.

A estratexia glocal asúmese desde os máis variados ámbitos e proxectos, razón pola que este termo se documenta en espazos discursivos diversos, desde a gastronomía –xefes de cociña e multinacionais de comida rápida que adaptan a súa oferta aos gustos locais–, á análise sociopolítica –baixo esta clave analizouse o chamado Brexit, por exemplo–, ou a crítica cultural –con diferentes prácticas de glocalización empregadas no tratamento do patrimonio inmaterial–.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir