Graal

No ano 2023 o día das Letras Galegas está dedicado ao artífice da propia celebración; se en 1963, o 17 de maio, se homenaxeou a obra de Rosalía de Castro (e de aí en diante a de moitas outras personalidades) debémosllo a Francisco Fdez del Riego, apoiado por Manuel Gómez Román e mais Xesús Ferro Couselo. Seis décadas despois péchase o círculo e festexamos a quen se converteu nun dos persoeiros que traballou arduamente por devolverlle o seu lugar á lingua e á cultura galega.

Desde moi novo participou activamente na reivindicación do propio, xogou un papel activo no galeguismo político previo ao estoupido da guerra. Logo de rematar esta, sorteando a censura e as represalias, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla fixeron posible que o 25 de xullo de 1950 nacese a Editorial Galaxia. Un ano máis tarde aparecen os Cadernos Grial, un espazo para a recuperación da lingua e cultura galega, onde o noso autor xunto con Ramón Piñeiro participou activamente na súa elaboración e difusión; mais só viron a luz catro números por culpa dos censores daquela altura que prohibiron a súa publicación. Pero o noso homenaxeado non dubidou en porfiar na necesidade de seguir adiante e en 1963, outra vez con Ramón Piñeiro, dirixiu unha revista herdeira daqueles cadernos: Grial. Revista Galega de Cultura.

O nome da súa cabeceira está inspirado no mito do Santo Graal. Segundo as lendas trátase do cáliz co cal Xesús serviu o viño na Derradeira Cea. Esta copa logo recollería o sangue do crucificado e posuiría poderes especiais. Na literatura medieval aparece a materia de Bretaña, na que os cabaleiros da Táboa Redonda buscan (entre outras fazañas) o Graal polo mundo adiante. Unhas versións localízano en Inglaterra a onde chegaría Xosé de Arimatea; outras din que se atopaba en Francia, e para nós estaría no Cebreiro, como Ramón Cabanillas nos amosa na Noite estrelecida onde se indica que o cáliz da igrexa do Cebreiro é o que recolleu o viño e o sangue de Xesús Cristo.

Grial foi a denominación elixida para esta revista, que leva 60 anos de actividade centrada no restablecemento da nosa identidade e na difusión da nosa cultura. A forma grial atopámola amplamente documentada no galego, desde o ano 1921 (no número catro de Nós) e convive coa forma graal que xa aparece utilizada n’A Nosa Terra, no número 12, no 1917.

A forma que recomenda o Dicionario da Real Academia é graal. A elección é compartida pola maioría das linguas europeas. A orixe etimolóxica da voz resulta incerta, sendo posible e probable que proceda dun étimo *gredale, con asimilación do [e] pretónico a [a]. De ser este o étimo, o significado orixinario faría referencia a unha ‘escudela, vasilla de forma semiesférica utilizada para tomar alimentos como sopas ou caldos’. Sexa como for, todas as posibles etimoloxías propostas son palabras que designan algún tipo de ‘recipiente, vaso ou vasilla’.

A procura do Santo Graal pertence á temática do ciclo artúrico, onde se combina a tradición cristiá coa celta sobre a orixe mítica das illas de Gran Bretaña e Irlanda. A entrada do termo graal na nosa lingua produciuse desde Francia: a voz procede do occitano (o rexistro máis antigo é dun escrito da zona catalá de 1010), onde era unha palabra de uso común que podía designar distintos utensilios domésticos: unha cazola, unha escudela para picar cebola, un recipiente de lavar as mans etc.

 

 

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir