graffiti

Doutor de corazóns pacíficos. Graffiti de Banksy en Chinatown, San Francisco, Estados Unidos

“Unha parede é unha arma moi grande”. Esta declaración contundente amosa a filosofía que subxace nas intervencións e expresións plásticas no espazo público, iso que demos en chamar arte urbana (street art). Atribúeselle ao creativo axitador coñecido como Banksy, un nome posto a modo de pasamontañas por unha persoa (probablemente un home inglés de mediana idade) que usa o graffiti para mover a conciencia social, para expresar unha visión aceda e crítica do consumismo e o belicismo, e denunciar a violencia contra as minorías e os grupos máis sensibles da sociedade. A súa arte ofrécese pintada en muros e paredes, por todo o mundo. Nesta ligazón podemos ver os vídeos que el mesmo sobe a YouTube.

A palabra graffiti chega a nós polo italiano graffito, participio pasado de graffire, que ao cabo remite ao grego grapho ‘escribir’. Ten unha única forma para singular e plural, pois de feito graffiti é un plural na lingua de orixe. De acordo coa regra xeral de conservar os estranxeirismos aceptados coa forma fiel ao orixinal, a norma recomenda manter o dobre -ff- no interior da palabra; outras linguas próximas optaron, no entanto, por unha solución adaptada, simplificando o -f- e mesmo alterando a terminación: nesta liña van o portugués grafito, o castelán grafiti ou o catalán grafit.

Nun primeiro momento, denominou unha técnica de gravado consistente en facer incisións cunha punta dura, sobre unha superficie de pedra ou calquera outro material que forme un muro e de aí recuperouse como nome das pinturas feitas nas paredes, empregando diferentes materiais e métodos. Canda a acepción moderna, o DRAG recolle un significado histórico, como “deseño ou inscrición realizado nas paredes e nos edificios das cidades antigas”, que se exemplifica cos graffiti da vella cidade romana de Pompeia.

No uso actual, graffiti alterna co sinónimo pintada, ben que dalgúns exemplos se desprende un certo reparto dos significados: en tanto que a pintada tería un carácter máis improvisado, e mesmo podería limitarse a un texto de carácter político, xocoso etc., ao graffiti presupónselle unha elaboración e un alto sentido estético, que potencian o seu impacto.

Moitos dos graffiti que vemos hoxe en día nas nosas cidades son mostras dunha inquedanza estética na que non están presentes necesariamente outro tipo de mensaxes, mais de sempre foron un poderoso medio de reivindicación dos movementos sociais, entre moitos outros, no maio francés do 68, na loita contra as ditaduras de Franco, Pinochet ou Salazar, na presión contra o muro de Berlín, na intifada palestina, nas revoltas en Irlanda do Norte ou nas reivindicacións lingüísticas e nacionais no noso país. En todos os casos, os artistas da rúa foron considerados “axentes do cambio social”. O poder transformador dos graffiti mídese pola brutalidade con que chegaron a silenciarse: un dos casos máis radicais sucedeu na cidade siria de Daraa, en 2011, cando quince nenos foron arrestados e torturados por pintar o lema “o pobo quere a caída do réxime”.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir