granulado

Foto de Sören Funk en Unsplash

No mes de decembro comezaron a chegar ás praias da ría de Muros e Noia e tamén do Barbanza unha morea  de microesferas de cor branca procedentes, seica, dun barco que perdeu un contedor cheo de sacos deste material co que se elaboran elementos plásticos. En galego ao “conglomerado formado a partir de resinas poliméricas, de forma cilíndrica e con lonxitude variable, cos extremos planos, utilizado para a fabricación de obxectos plásticos” nomeámolo co termo −sancionado polo Termigal− granulado plástico.

Esta denominación está motivada pola forma que ten esta resina plástica que son pequenas boliñas como as doas empregadas na bixutería ou coma lentellas. É unha solución coincidente coas escolleitas polas linguas veciñas. Xa que o francés sinala granulé plastique; o catalán, granulat  ou gransa de plàstic; o castelán granza ou granulado; o portugués granulado ou pélete; italiano granulato plastico; mesmo o alemán, amais de Plastikgranulat, tamén utiliza ás veces o anglicismo Plastikpellets. Todas elas son voces que na industria petroquímica se empregan como equivalencia do termo inglés, plastic pellet. A orixe da voz británica lévanos ao francés antigo pelote ‘boliña’ (s. XI) que remite ao latín medieval pelotis, denominación orixinada no diminutivo  da voz latina pila ‘bóla’.

Ademais do vocábulo plastic pellet, termo empregado polos especialistas, a lingua anglosaxoa rexistra unha voz coloquial froito do enxeño popular que é nurdle; cun sinónimo curioso mermaid tear que podemos traducir como bágoa de serea.

Chamémoslle dun xeito prosaico ou doutro máis literario estamos ante un problema de contaminación ambiental grave que está relacionado coa proliferación de microplásticos . Non é a primeira vez que un buque perde parte da súa carga e sementa as costas destes materiais perigosos porque os animais poden confundilos con comida e inxerilos. Ao seren lixeiros e aboiaren lévaos o vento e esparéxense por un territorio máis extenso, como xa observamos nas nosas praias.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir