Grial (Graal)

En 1950, no proceso de fundación da editorial, os promotores déronlle o nome de Galaxia en referencia ao Camiño de Santiago ou Vía Láctea, porque podería ser un símbolo da unión de Galicia con Europa e o mundo a través da cultura. Ariete do rexurdimento da actividade intelectual no interior, Galaxia saca do prelo un ano despois os Cadernos Grial, xerme da revista actual, cunha idea semellante á hora de escoller o novo nome, un mito histórico de proxección europea: o Santo Graal. O enraizamento de noso cóntao Ramón Cabanillas na Noite estrelecida afirmando que o cáliz da igrexa do Cebreiro é en verdade o que recollera viño e sangue na Última Cea. Grial foi, pois, a denominación elixida para esta revista, que leva máis de 50 anos de actividade comprometida na  recuperación da nosa identidade e na difusión da nosa cultura.

Neste máis de medio século cambiaron moitas cousas. Entre elas, a Real Academia pode traballar máis e mellor en moitos ámbitos, como por exemplo no de fixar termos, e graal é a forma que hoxe recomenda a Norma, consonte a maioría das linguas europeas. A orixe etimolóxica da palabra é aínda incerta, sendo posible e probable que proceda dun étimo reconstruído gredale, xa que a asimiliación do &lte&gt pretónico ao &lta&gt seguinte é moi corrente na evolución do latín ás linguas romances. De ser este o étimo, o significado orixinario faría referencia a un ‘prato fondo e longo, onde se lle servía a comida á xente rica de forma gradual, un manxar despois doutro’. Sexa como for, todas as posibles etimoloxías que se propoñen son palabras que designan algún tipo de ‘recipiente, vaso ou vasilla’.

As lendas sobre a busca do Santo Graal son piares do Ciclo Artúrico, o máis coñecido da Materia de Bretaña, que combina a tradición cristiá coa celta sobre a orixe mítica das illas de Gran Bretaña e Irlanda. Malia que a vía de entrada de graal na nosa lingua é a través do francés, sendo este ciclo literario orixinario do norte de Francia, o termo procede do occitano (o rexistro máis antigo é dun escrito da zona catalá de 1010), onde era unha palabra de uso común que podía designar distintos utensilios domésticos: unha cazola, unha escudela para picar cebola, un recipiente de lavar as mans etc. Probablemente os autores da Materia de Bretaña quixeron darlles unha tintura exótica ás súas narracións, moi adecuada para unha temática lendaria e marabillosa, e por iso a occitana graal era preferible a un termo local e cotiá como terrine ou vaissel, que evocarían situacións demasiado domésticas e ordinarias para tan insigne e santo vaso.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir